Noa Presas reclama da Xunta medidas urxentes para paliar os danos da seca na provincia de Ourense

Seca
Seca

“Teñen que elixir, será a lexislatura de apoio ao rural ou de extinción do rural”, interpela a deputada. Gandería, castaña e mel, afectados con perdas de ata o 80%

A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou no Parlamento axudas directas urxentes para paliar os danos da seca en toda a provincia, que ten aos produtores de gando, de castaña e de mel “en situación extrema” con perdas que superan ata o 80%.

A falta de auga, sumado aos efectos dos lumes que queimaron Ourense, deixa contra as cordas a miles de ourensáns en particular na zona oriental en concellos como A Veiga, O Bolo, Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa, A Mezquita, A Gudiña ou Viana do Bolo. “Non son as únicas que sufriron adversidades meteorolóxicas, pero que si de forma máis extrema do que outras poboacións de Ourense ou do resto do país”, explicou Presas.

Para a deputada nacionalista é o momento de que o PP e a Xunta dean a cara e confirmen dunha vez por todas que hai máis que “propaganda oficial” cando se trata de apoiar ao medio rural. “Teñen que elixir dunha vez, será esta a lexislatura do rural ou a lexislatura da extinción do rural”, interpelou no debate parlamentario da iniciativa do Bloque.

Unha proposta coa que se reclaman axudas directas aos produtores e produtoras, “que non se limiten a eses créditos brandos do IGAPE que as persoas afectadas non saben se van poder devolver”, indicou Presas, tras lembrar que aínda se está á espera das axudas da PAC.

A deputada explicou na súa intervención que os efectos da xeada e a posterior seca acabou coa práctica totalidade da colleita de castaña nun concello como Viana do Bolo, que produce dous millóns de quilos deste froito. A seca tamén está afectando á apicultura, reducindo drasticamente a produción de mel pola falta de alimento para as avellas e, por último, Presas incidiu a repercusión da seca sobre a produción de gando.

“Tamén afecta aos gandeiros e gandeiras, porque escasea a forraxe e falta auga para darlle de beber aos animais, de tal xeito que moitos dos e das produtoras pensan en vender ou sacrificar as reses”, salientou a deputada. “Se os gandeiros e gandeiras teñen que ver como os seus animais morren, a min que me expliquen como narices van pagar eses créditos do IGAPE se é que chegan a tempo para pedilos ou se perden o seu medio de vida”, se preguntaba Presas no debate parlamentario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG