A deputada por Ourense, Noa Presas, demandou aos conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a posta en marcha dunha unidade específica de xeriatría no Centro hospitalario de Ourense (CHOU) ao tempo que criticaba o feito de que a cuarta rexión máis avellentada de toda Europa non conte aínda con este servizo no seu hospital de referencia.
“Máis do 31% da poboación supera os 65 anos e temos a media de idade máis alta de Galiza e a cuarta máis alta de Europa, indicou Presas, unha realidade que non pode ignorarse á hora de deseñar a carteira de servizos dun hospital”. Sen perder de vista, engadiu, o feito de que o alto avellentamento da poboación de Ourense supón “un factor de risco” no medio dunha pandemia que afecta de cheo ás persoas maiores.
Por iso, alegou, “urxe” dotar ao CHOU dunha unidade de xeriatría máxime no medio dunha crise sanitaria “á que, desafortunadamente, aínda lle quedan moitos capítulos”. Presas indicou na súa intervención parlamentaria que esta carencia na carteira de servizos xa foi sinalada pola Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía.
“Somos conscientes de que hoxe hai moitas urxencias enriba da súa mesa señor Comesaña, pero traemos esta demanda porque pensamos que esta unidade podería ser unha peza importante nesta crise. Está na súas mans que o sexa para enfrontar esta onda COVID, as que poidan vir no futuro e as consecuencias que queden na poboación”, argumentou a deputada por Ourense.
Presas salientou que Lugo e Vigo contan con unidade de xeriatría, “e o que resulta inexplicable é que siga sen existir en Ourense”. Nun momento como o actual, “sería un servizo clave para planificar a atención sanitaria, para estar en conexión coa atención primaria e sociosanitaria”. O que non é de recibo, criticou, “é que o Goberno de Feixóo utilice a situación demográfica da provincia para facer recortes, como en cirurxía pediátrica alegando un descenso da poboación infantil, pero ignore ese criterio cando se trata de poñer en marcha servizos que se adapten a ese perfil da poboación”.
A deputada nacionalista aproveitou a súa intervención para enviar unhas palabras de alento e de agradecemento “a todas as persoas e profesionais que loitan contra a COVID, en particular ao persoal do CHOU, pois no BNG somos conscientes de que a situación é crítica”.
Neste sentido, fixo referencia ás denuncias desta mesma semana ante a comisión de centro e ante o Colexio de Enfermaría de Ourense pola falta persoal, de medios de protección adecuados e de medidas de seguridade para separar doentes COVID que requiren asistencia UCI doutras persoas doentes que tamén precisan atención de urxencia pero por outras doenzas. “O persoal sanitario precisa reforzos e unha mellor organización, señor Comesaña, e pedímoslle que actúe reforzando os medios humanos e materiais do CHOU”, concluíu.