A portavoz de Industria e enerxía, Noa Presas afirmou hoxe que Galiza, unha vez máis, resulta discriminada pola política enerxética “imposta desde o Estado e polos anteriores gobernos do Partido popular”. Neste sentido, denunciou que “grazas a inacción do goberno de Núñez Feixóo, os galegos e galegas pagaremos a factura da luz máis cara do Estado.”
Durante os últimos anos, explicou a deputada, o BNG advertiu no Parlamento que Galiza, a pesar de ser produtora de electricidade sairía gravemente prexudicada da reforma da lei do sector eléctrico e trala aprobación do Real decreto do ano 2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade aprobado polo goberno de Rajoy e recorrido polas eléctricas e finalmente acadaron sentenzas favorables.
O GOBERNO GALEGO NON REACCIONOU
En execución das sentenzas, foron aprobadas diferentes ordes que o “goberno galego tardou en recorrer” amosando “unha pésima xestión” e a falta de interese da Xunta por iniciar negociacións co Estado na busca dunha solución que non prexudicase a Galiza, explicou a nacionalista.
Para a deputada, que Galiza sexa obrigada a pagar 38 M€, 20 euros na factura da luz, demostra que o goberno de Núñez Feijóo “non fixo os deberes a tempo e mentiu cando negou que Galiza non pagaría”, agora constatamos, dixo, Noa Presas, que o “borrador de Orde do Goberno central para executar as sentenzas encarecerá a nosa factura”.
En opinión da deputada do BNG, o borrador da Orde en materia de tributación, “atenta contra as competencias galegas”, representa “un novo roubo para seguir engordando o negocio do oligopolio eléctrico” e vulnera “o autogoberno galego”.
Con esta orde “Galiza é que máis perde en todo o Estado”. Somos menos do 6% da poboación do Estado e imos pagar máis que Madrid que triplica esta porcentaxe. “Galiza pagará 38M€ e Madrid, 2,5 M€” volveu a recalcar a parlamentaria nacionalista para quen aínda hai marxe para negociar se o Partido popular ten vontade política e abandona a postura de votar sistematicamente en contra das iniciativas presentadas polo BNG para abaratar o recibo da luz en Galiza.
O BNG PIDE UNHA NEGOCIACIÓN BILATERAL
En Galiza exportamos o 35% de electricidade e resulta “un atraco a mano armada” a suba da factura aos consumidores e consumidoras galegas. Presas anunciou que o BNG rexistrará no Parlamento galego diversas iniciativas para que “Feixóo asuma a súa responsabilidade e estude todas as vías de negociación bilateral co Estado” sobre o borrador de orde e esixir ao Estado que “asuma o custo que lle pretende imputar a todos os galegos e galegas”.
Finalmente, a portavoz de industria e enerxía do BNG negou que no Estado exista “unha tarifa única” e volveu reivindicar “unha tarifa eléctrica galega” que beneficie á empresas e persoas consumidoras porque Galiza, dixo, non se beneficia de ser produtora, ao contrario, “vai pagar a factura máis cara do Estado español”, concluíu.