A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe unha moción instando á Xunta de Galiza a cumprir os acordos parlamentarios para garantir a actividade e continuidade dos postos de traballo en Alcoa así como dirixirse ao Goberno central para levantar o veto á intervención pública de Alcoa. A iniciativa do BNG tamén recollía un terceiro punto, de cinco, para constituír unha mesa, con todos os sectores das poxas, para elaborar propostas e modificar a interrompibilidade trala vindeira poxa da última semana do mes de decembro do 2018.
Só faltan 23 días para decidir o “futuro ou fin” de Alcoa e dos seus traballadores recalcou a nacionalista e xa pasou máis de mes e medio desde que Alcoa anunciou o peche de Avilés e da Coruña, e desde entón houbo máis palabras que feitos por parte das administracións responsábeis e concretamente da Xunta que se dedicou a “botar balóns fora e buscar culpábeis para eludir calquera responsabilidade”.
A parlamentaria insistiu en que están en xogo 400 postos de traballo e por extensión, de toda a industria electro-intensiva que necesita unha resposta urxente para blindar o futuro da industria galega.
Para a deputada, en todo este proceso non se atendeu a opinión dos grupos parlamentarios pero o máis grave, ao seu xuízo, é que tampouco foron atendidas as demandas dos traballadores e traballadoras que mesmo preguntados polas expectativas ante a reunión de Traballo, só contan coa información publicada en prensa.
Presas reclamou ao grupo maioritario do Partido popular, “non apartarse dos consensos” e cumprir os acordos. A Xunta de Galiza, reiterou, debe comprometerse con maior intensidade na defensa dos puntos acordados no Parlamento galego no Pleno do 23 de outubro e dos puntos demandados no escrito remitido polo Comité de empresa á Xunta de Galiza con data do 30 de outubro de 2018”.
Trala votación, a deputada do BNG lamentou que o Partido popular non apoiara ningunha das novas propostas e siga reafirmándose no incumprimento dos acordos parlamentarios destinados a buscar unha solución á situación de Alcoa así como un novo marco cara un modelo enerxético que non prexudique á industria e persoas usuarias.