parlamento galego

Noa Presas denuncia que a mala planificación económica do PP fai que Galiza perda cartos para a sanidade ou a educación

Noa Presas
Noa Presas

Subliña que cada ano a Xunta deixa de ingresar arredor de 500 millóns de euros por unha “política fiscal inxusta” que favorece ás rendas máis altas

A deputada do BNG propón unha negociación parlamentaria que permita destinar a servizos públicos os 1.000 M€ que quedaron sen executar no 2023

A deputada do BNG Noa Presas advertiu das repercusións que está a ter na prestación de servizos públicos como a educación ou a sanidade a política económica do Goberno do PP, unha política que, “lonxe da pose de rigor que intentan trasladar”, se caracteriza pola falta de planificación, a mala xestión dos recursos e o escurantismo. “Galiza perde recursos e oportunidades co PP”, denunciou a portavoz de Facenda e Función Pública no Goberno alternativo co que o BNG vai facer unha oposición a favor do País.

Presas denunciou, en primeiro lugar, a falta de capacidade do Executivo de Rueda para captar recursos, cun sistema de financiamento que, malia que é “absolutamente lesivo” para Galiza, o PP aceptou en 2009 e sobre o que “non se atreveu a negociar nin sequera agora” que xa non goberna no Estado.  “Temos o PP máis servil aos seus intereses madrileños, con Rueda absolutamente sometido á estratexia de Feijóo”, censurou.

Un PP na Xunta que coa súa falta de iniciativa permite ademais que baixe a o investimento en Galiza -máis lonxe agora da media española e europea-, mentres medra a fuxida do aforro galego cara investimentos noutras comunidades.

O Goberno galego perde recursos tamén, afondou, cunha política fiscal “inxusta” que favorece ás rendas máis altas e que fai que as arcas públicas deixen de ingresar en torno aos 500 millóns de euros anuais “que poderían ir destinados a políticas activas e á protección dos servizos públicos”.

“O Goberno do Tik Tok planifica mal e abusa das modificacións orzamentarias”, incidiu Presas, remitíndose ao último informe do Consello de Contas, no que se constata que as variacións feitas sobre o orzamento de 2023 fixeron, por exemplo, que a Consellería de Infraestruturas perdese máis de 40 millóns de euros ou que se eliminasen máis de 100 millóns no capítulo dos investimentos reais.

Hai tamén modificacións de partidas a alza que non se executan, en áreas “tan sensibles” como o medio rural e a pesca, e outras que destacan pola “grave falta de execución orzamentaria”. “Un gran montante de recursos quedou no caixón en lugar de ser utilizados para mellorar a vida dos galegos e as galegas”, salientou a portavoz de Facenda do BNG.

Neste punto, censurou que, tal e como confirma o estudo da execución entre 2019 e 2023 feito polo BNG, hai até sete programas do orzamento da Xunta cunha execución inferior ao 50 % e outros 12 por debaixo do 75%, programas que teñen que ver coa formación profesional de desempregados e ocupados, o emprego, a produción agroalimentaria, o desenvolvemento sostíbel da pesca, a vivenda ou a conciliación da vida laboral e persoal.

“Hai doce programas que deixaron máis de 100 millóns sen executar entre 2019 e 2023” engadiu Presas referíndose, entre outros, a “escandaloso caso” do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento.

Máis preocupados das redes sociais que de gobernar

Presas criticou, por outra banda, a falta de transparencia na execución dos Orzamentos da Xunta, cun Goberno que decidiu desviar sen explicar as causas até 187 millóns de euros para o Fondo de Continxencia, “uns cartos que por riba non se usaron”. “Non sabemos se o PP non viu ningunha continxencia en 2023, cando había unha crise de prezos insoportable e suprimía a tarxeta básica”, apuntou a deputada nacionalista, para quen todo isto indica que “o PP está máis preocupado das súas redes que de gobernar”, cunha política de xestión económica que fai que se estean “desperdiciando” recursos.

Co obxectivo de contribuír a un mellor goberno do País,  avanzou que o BNG vai presentar no Parlamento tres iniciativas no ámbito da xestión económica. A primeira delas será para impulsar a creación dunha oficina orzamentaria na Cámara galega que permita avanzar na transparencia, semellante á que existe noutros parlamentos.

O BNG proporá ademais ao PP pactar unha modificación de orzamentos antes de que remate este periodo de sesións. Trátase, explicou, de negociar colectivamente o destino dos mil millóns de euros -fundamentalmente para servizos públicos- que quedaron sen executar no 2023 e que non están comprometidos.

A terceira iniciativa será para solicitar o debate e negociación no Parlamento do proxecto normativo de reforma e actualización do marco normativo en materia económica e orzamentaria que reclama dende hai anos o Consello de Contas.

Fondos esgotados para as axudas ao aluguer

A pregunta dos medios sobre a notificación da Xunta á mocidade da falta de fondos para as axudas ao aluguer, Presas criticou que, como xa ten pasado con outras ordes de axudas, o Executivo do PP se escude en que os fondos son doutra Administración, pero esqueza que “ten competencias en materia de política social e vivenda”, unha capacidade de autogoberno “que se pode empregar para suplementar axudas, como se fai no caso do ticket eléctrico, por exemplo, ou para crear axudas de seu e propostas no ámbito da vivenda”.

“Pero xa vimos cal era o compromiso ao longo destes 15 anos do PP coa vivenda pública e co acceso da mocidade: cero”, recordou. 

A conselleira do Medio Rural debe rectificar

Presas tamén aproveitou as preguntas dos xornalistas para reprobar as declaracións da nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen afirmou que os incendios forestais intencionados van no ADN de Galiza.  “Son unhas declaracións absolutamente inadmisibles, un insulto a todos os galegos e as galegas e unha mostra de absoluta incompetencia”, afirmou para reclamar que “como mínimo, debería rectificar e pedir desculpas a todos os galegos e galegas por tal difamación”. 

Presas rexeitou “a desculpa” de que Gómez, á que cualificou de “irresponsable política”, leve poucos días ao mando da consellería e lembrou que é unha persoa que leva xa tempo na vida institucional e “moito tempo con responsabilidades do Partido Popular”.

“O que debería é centrarse en que fai a Xunta para, por exemplo, previr, porque hai que recordar que este País gasta máis en extinción de incendios que en prevención, algo que está en contra de todo o que recomendan as voces expertas”, concluíu.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG