A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou unha explotación gandeira da circunscrición para coñecer o impacto da crise do coronavirus no sector primario. Presas sinalou que o BNG defenderá un cambio político a partir do 12X que aposte por un medio rural produtivo como motor de desenvolvemento económico e potenciar o peche dos ciclos produtivos e de transformacións en Galiza. Erixe á organización nacionalista como a única “quen de plantarlle cara aos gobernos de Madrid e Bruxelas”.
“Urxe un cambio político que aposte polo medio rural como unha oportunidade de desenvolvemento económico e poñer fin a 11 anos onde o PP o situou como un problema” comezou sinalando a candidata do BNG. Cualificou estes anos do goberno de Núñez de Feijóo á fronte do executivo galego como unha práctica habitual de eludir as súas competencias e responsabilidades no lugar de “apostar pola produción de proximidade e calidade”.
“Para Ourense é cuestión de vida apostar pola modernización e a innovación para que o sector agrogandeiro poida ser un motor de desenvolvemento económico e poñer fin ao abandono de terras” sinalou Presas. Continuou explicando a candidata que “non é de recibo que teñamos cada vez máis terras abandonadas cando temos seis veces menos explotacións de vacún que Coruña ou Lugo”. No caso do sector lácteo, segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística Ourense reduce o número de explotación a menos de 50, unha cifra anecdótica comparada co resto do país.
A candidata do BNG evidenciou que “urxe impulsar un novo modelo de aproveitamento que sexa sostíbel coas explotacións pequenas, con cooperativas e que aposten por liñas de calidade, cada vez máis demandadas no mercado”. Esta iniciativa sería tanto para vacún de leite como para vacún de carne ao albergar variedades autóctonas de calidade.
As decisións do sector lácteo cun goberno galego activo
A formación nacionalista lembrou que un dos grandes problemas do sector lácteo é a falta de implicación activa da Xunta de Galiza para marcar as respostas diante das decisión desde o Estado ou a Unión Europea. Para iso, o BNG comprometeuse a desenvolver unha verdadeira Mesa do Leite que defenda os intereses galego e apostou por desenvolver unha intervención pública no sector para potenciar o peche dos ciclos produtivos e de transformación en Galiza.
“É fundamental un goberno firme que diga non cando as decisións de Madrid ou Bruxelas prexudiquen en sectores coma o leite. Se alguén é quen de defender os intereses de país, temos demostrado que é o BNG” concluíu a candidata do BNG, Noa Presas.