A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, chama en Allariz á todas aquelas persoas que están fartas de como están as cousas a mobilizarse o vindeiro 18F e a concentrar o voto na papeleta do BNG. Presas exemplifica na vila de Allariz o proxecto que “temos para este país: a favor das maiorías sociais, dos servizos públicos e en favor do desenvolvemento económico”. Así mesmo, avanza que, cunha mobilización histórica o 18F “remataremos coa discriminación de Galiza e, polo tanto, coa discriminación que sofre Ourense” cun goberno liderado polo BNG que teña as mans libre para negociar por Galiza e defender os intereses dos e das galegas.
O Bloque Nacionalista Galego celebrou o seu mitin central de campaña nun ateigado salón á beira do Arnoia na vila ourensá de Allariz. O encontro contou coas intervencións da alcaldesa alaricana, Cristina Cid, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a cabeza de lista da organización nacionalista por Ourense, Noa Presas.
“Se hai unha parte que precisa un cambio político é Ourense e, para acabar coa discriminación de Ourense, hai que rematar coa discriminación que sofre Galiza. Por iso, nesta campaña electoral imos tocar o corazón de cada unha das persoas para facer real o cambio político e para iso temos que concentrar o voto das persoas que queren cambio na papeleta do BNG” aviva Presas durante o encontro. A cabeza de lista avanza que o BNG está “preparado para gobernar e liderar a transformación social e económica sen precedentes” co obxectivo de “mellorar a vida dos galegos e galegas”.
Presas critica que o Partido Popular “quere que non haxa campaña, busca desmobilizar e mesmo elimina os debates da TVG por circunscrición e mesmo agocha o seu candidato á presidencia non acudindo aos debates agás ao da TVG, porque está feito a súa medida”. En opinión de Presas, o PP “ten medo” porque non superarían a “proba do algodón” e “veríase que estes 14 anos foron un lastre para o país e moi especialmente para Ourense”.
Fronte á falta de proxecto do PP para o País e a nula atención aos problemas de Ourense, a cabeza de lista avanza que o BNG ten un proxecto “sólido, solvente e de futuro para Ourense e o resto do País. Temos o proxecto, temos as persoas e temos a mellor candidata para o futuro de Galiza”.
Allariz como espello. Allariz como exemplo do que pode ser a “Galiza que queres”
“Sabemos o que imos facer porque xa o fixemos. Allariz é o espello da Galiza que soñamos e do que podemos facer con este País se todas as persoas que queren un cambio político concentran o voto no BNG. Fagamos o mesmo con todo Ourense e con todo Galiza: a favor da maioría social, a favor dos servizos públicos, a favor do desenvolvemento económico” destaca Presas
Participación histórica este 18F para o cambio galego
“Noa Presas é unha aposta segura e unha voz firme na defensa dos intereses de Ourense. A súa enerxía e experiencia fan que ningún tema importante para Ourense non fose abordado no Parlamento Galego” afirma a eurodeputada do BNG. Así mesmo, Miranda sinala que Ourense “será unha praza decisiva” este 18F e chama a concentrar todo o voto do cambio na papeleta do BNG “para que se abra un tempo novo, cun goberno do BNG, cun proxecto de País no que o equilibrio territorial e a cohesión social sexan centrais” e garantir un trato digno para Ourense.