Mais unha vez o PP fixo gala das súas contradiccións, e esta tarde expresou no Pleno do Congreso o voto en contra da proposición de lei do BNG que pedía a anulación das quitas aos afectados pola estafa das participacións preferentes e subordinadas. No mesmo día, na franxa horaria da mañá, o PP votou a favor da mesma proposición do BNG pero na Cámara galega.
Na súa intervención, Davila acusou ao PP de legalizar a vía para consumar a estafa a miles de clientes particulares, de pequenos aforradores sen experiencia financeira, que foron enganados coa colocación masiva de preferentes e débeda subordinada. Puxo de manifesto que as últimas decisións do FROB confirman o expolio do aforro a persoas que nunca foron informadas debidamente das características destes productos financeiros, nin dos riscos e, polo tanto, tampouco otorgaron un consentimento válido.
Persoas, recalcou, que perderon o carto aforrado con moitos anos de esforzo e traballo.
No mesmo día, o PP di SÍ pola mañá e NON pola tarde
Davila lembrou ao PP que esta mesma mañá no Parlamento galego se debateu unha proposición de lei do BNG semellante, e o grupo maioritario votou a favor da iniciativa do BNG. Non sería de recibo que o PP aquí esta tarde votase en contra. E engadiu que as incongruencias do PP pode chegar a estes níveis, votar na Cámara galega a favor, mentras votan en contra nas Cortes. A deputada nacionalista dixo ao PP que rexeitar a admisión a trámite desta proposición é rexeitar unha solución xusta ás vítimas das preferentes
A parlamentar do BNG asegurou non entender do Goberno e do PP que continúe posicionándose a favor das quitas cando desde o mesmo Ministro de Economía dixo máis dunha vez que o Goberno, ao final da privatización das Caixas, ten previsto recuperar todos os fondos públicos investidos. Pola mesma razón, sería lóxico que os aforradores recuperen os seus cartos posto que non son responsábeis da crise, hai outros responsábeis que de momento non o están pagando.
Davila deixou claro que a proposición do BNG esta destinada a resolver de maneira xusta o gravísimo problema da estafa das preferentes. Miles de persoas vítimas dunha estafa bancaria e vítimas de leis e actuacións do Goberno e do PP empeñados en defender os intereses da banca. E lembrou que a venda masiva de preferentes na Galiza se
A portavoz do BNG afirmou que as xustas reivindicacións dos afectados deben levará rectificación e revisión da actuación gubernamental, de xeito que non asuman perdas. Sobre todo, nos casos, que son maioría, nos que as persoas afectadas son aforradores sen historial de investimentos arriscados nen formación financeira. O BNG propuña na proposición de lei a derogación de varias disposicións da Lei 9/2012.
As vítimas pagan e os responsábeis da estafa indemnes
Davila reclamou unha solución satisfactoria que debe pasar pola devolución íntegra dos aforros, sen rebaixas ou descontos de ningún tipo. Non teñen responsabilidade na situación, subliñou, e apuntou a directivos, executivos e autoridades e responsábeis políticos supervisores vinculados ao sector financeiro. Situación agravada por prácticas corruptas e irregulares.
A deputada nacionalista fixo unha mención especial aos afectados polas preferentes que percorren as rúas de cidades e vilas de Galiza para reclamar xustiza. O Goberno, recalcou, debería escoitar e fixarse ben e ver de que persoas estamos a falar. E falamos de xubilados que aforraron toda a súa vida para poder complementar a súa pensión, de prexubilados que mercaron coas indemnizacións percibidas un producto que lles permitise ter máis marxe para a xubilación.
Falamos, recalcou, de traballadores e traballadoras que tiveron o mal costume de aforrar e non despilfarrar, persoas que non viviron por riba das súas posibilidades, algunhas delas están entre os máis de 6 millóns de parados, outros son hipotecados. Por iso, recalcou, aos estafados non lles queda máis remedio que saír á rúa a diario aínda que teñan problemas de movilidade, chova a chuzos ou sufrindo a presión policial, a persecución das forzas e corpos de seguridade do estado.
Davila lembrou que até membros do Goberno recoñeceron que este tema foi unha estafa e a Comisión Nacional de Valores fala de mala práctica na venda, máis o Goberno teima en facerlles pagar unha grande estafa bancaria aos que son vítimas. E sinalou que as quitas son unha expropiación forzosa, están facendo pagar a toda a cidadanía os desmáns da banca.