Nito Sobral pide á veciñanza de Poio unha maioría do BNG para “seguir avanzando con rumbo certo”

Acto Poio
Acto Poio

O candidato á Alcaldía estivo acompañado da cabeza de lista ás xerais do 28A, Carme da Silva, na presentación da candidatura municipal

O candidato do BNG á Alcaldía de Poio, Nito Sobral, presentou hoxe en Combarro a candidatura completa para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio asegurando que a súa aspiración é que o Concello siga “avanzando con rumbo certo”. Sobral pediu á veciñanza unha maioría do Bloque Nacionalista Galego para xestionar os proxectos que están en marcha e novas iniciativas que dean pulo ao municipio. Acompañado da cabeza de lista ao Congreso Carme da Silva afirmou que “o voto ao BNG fixo mellorar a vida da veciñanza nun concello como Poio e se estamos en Madrid demostraremos que o BNG é útil tamén para todo o país”, subliñou.

Sobral realizou na súa intervención un repaso ao traballo realizado nos últimos anos e subliñou que é preciso continuar avanzando porque “hai moito por vir”. Lembrou que nestes momentos o goberno local ten en marcha o parque forestal, as sendas do litoral e traballa para dotar de solo industrial ao concello, entre outras iniciativas. Tamén destacou a aprobación da área de rehabilitación (ARI) de Combarro que está a traer melloras ao recinto histórico artístico, a necesaria aprobación do PXOM, ou a presión que é preciso exercer ante a Xunta para mellorar a PO-308.

Acto PoioAs dúas novas incorporacións da lista municipal do BNG de Poio, Raquel Rodríguez e Xosé Rial, foron os encargados de presentar ao resto dos compañeiros, unha candidatura “coherente que recolle o traballado e inclúe novas ideas” formada por Luciano Sobral, Marga Caldas, Xosé Luís Martínez, Raquel Rodríguez, Xulio Barreiro, Lidia Salgueiro, Xosé Rial, Alicia Martínez, Francisco Xosé Acuña, María Pousada, Alfonso Villanueva, Ana María Casal, Xermán Rouco, Paula Piñeiro, Martín Coego, María Luz Senra, Xan Bautista Cambón, Almudena Acuña, Xosé Río e Josefa Otero.

Ademais da intervención de Sobral, o mitin celebrado en Combarro serviu tamén para dar voz á candidata do BNG ás xerais Carme da Silva, quen salientou que o BNG é a única opción real para que Galiza teña voz no Congreso dos deputados a partires do 28A. A nacionalista destacou que o voto ao BNG ten valor dobre, pois nun contexto sen maiorías absolutas a forza galega poderá condicionar políticas e orzamentos en favor do país poñendo freo tamén “á dereita cavernícola”.

Da Silva fixo referencia ás pintadas aparecidas hoxe no seu domicilio cunha diana e a advertencia de ‘ATENTA’, e salientou que “nin as mafias, nin os esbirros de Ence, nin a dereita nos van amedrentar, senón que traballaremos máis para chegar ao Congreso e dar voz a Galiza defendendo a recuperación da ría de Pontevedra”. Asegurou que a concesión da prórroga de Ence foi obra de “delincuentes” e indicou que o PP, con Núñez Feijóo á fronte, parece máis interesado en formar parte do consello de administración da pasteira que de defender os intereses de galegas e galegos. “Non imos dar un paso atrás. Non nos amedrentan. Queremos recuperar a ría e seremos firmes incluso baixo ameazas”, subliñou.

Por último, Da Silva fixo referencia ás palabras de Núñez Feijóo, que onte chamou ‘marcianos’ aos integrantes do BNG por defender as potencialidades do país. “En Galiza quen manda é Casado no corpo de Feijóo e nós padecemos as políticas dos alieníxenas que veñen de Madrid e que non dan resposta aos nosos problemas e necesidades. Realmente o único extraterrestre aquí é o alien de Casado no corpo de Feijóo”, finalizou.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG