O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, realizou unha visita para coñecer a Cooperativa Central de Frades, na que estivo acompañado pola deputada no Parlamento galego Iria Carreira, polo concelleiro do BNG en Frades, Manuel Míguez, e as súas homólogas en Oroso e Mesía, Isabel Fernández e Beatriz Louro respectivamente. Representando á cooperativa agraria fixeron de anfitrións o seu Presidente José Jaime Carneiro Uzal e a súa xerente Laura Uzal Castro.
Durante a súa estancia a comitiva do BNG coñeceu as instalacións e almacéns que dan servizo á cooperativa e desde a dirección aproveitaron para trasladarlles os principais problemas que lastran agora o seu desenvolvemento futuro para os que piden unha solución. O primeiro son as conexións de entrada e saída da sede da cooperativa situada no lugar de Lendoira ao carón da N-634. “Agora o acceso faise a través dunha vía de servizo en moi mal estado e de sentido único, que dificulta o tráfico sobre todo no caso vehículos de transporte pesados que son habituais para levar mercadorías até a cooperativa” salienta Rego, “é urxente que se corrixan estas deficiencias por parte do Ministerio”.
A saída dos camións e resto do transito é aínda máis perigoso para o tráfico, pois debido á mala visibilidade só se pode saír nunha dirección o que obriga a moitos dos condutores a facer unha manobra para cambiar os sentido da marcha diante doutro estabelecemento próximo. Por todo isto, desde a directiva reclaman que se constrúa un mellor acceso tanto de entrada como de saída que, facilite o tránsito mais, sobre todo, que evite riscos para a seguridade viaria, advertindo que nese lugar xa se teñen producido accidentes no pasado.
Esta situación podería quedar en parte corrixido se se permite polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana levar adiante o proxecto de instalar unha gasolineira en terreos da cooperativa. “Esta nova infraestrutura permitiría dar as e os gandeiros que pertencen á cooperativa un lugar no que adquirir combustíbel para as súas explotacións a un prezo máis competitivo, mais tamén se abriría para o público en xeral, mellorando as dotacións e a competitividade para as persoas usuarias da vía” subliña o deputado do BNG. No plano proposto desde a Cooperativa Central, aproveitaríase para facer un novo acceso, con todo o Ministerio pon atrancos por considerar que a vía de acceso no tería o largo suficiente para unha dobre vía, cando ven a mellorar considerabelmente a existente e tamén a seguridade viaria.
“O Ministerio só pon atrancos ao proxecto da gasolineira sen fundamento, tivo o visto bo inicial e agora, porén, só parece buscar pegas en lugar de propoñer cales son as correccións necesarias para lograr a autorización e poder levar adiante as obras que a cooperativa necesita” explica o Néstor Rego, “o BNG comprométese a levar ao Congreso a mellora nos accesos para evitar perigos no tránsito e reclamar ao Ministerio que autorice xa a construción da estación de servizo”.