O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o discurso natalicio do rei é “o discurso máis afastado da realidade e das necesidades sociais” e aproveitase o discurso para apoiar a escalada belicista promovida polo executivo estatal e a política militarista da OTAN. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apunta a monarquía como a institución máis deslexitimada do Réxime do 78, cualificándoa de “corrupta e anacrónica”, e propón “deixar atrás esta institución afastada das preocupacións da inmensa maioría da poboación”.
“O discurso deste ano resulta esclarecedor, particularmente polo tempo que destinou a falar da crise institucional mencionando a división, a ruptura da convivencia e a deslexitimación das institucións do Estado que parece ser a súa principal preocupación. Entendemos que porque lle afecta directamente” expón o deputado do BNG. Néstor Rego lembra que a institución máis deslexitimada de todo o Réxime do 78 nestes máis de 40 anos é a monarquía. “A monarquía anacrónica e corrupta dos Borbóns” cualifica.
Segundo o deputado nacionalista, Felipe VI dedicou a maior parte do seu discurso “para o enxalzamento da Constitución Española. Desa Constitución que está na orixe de moitos problemas das maiorías sociais do Estado español e, tamén, dos problemas do noso País tendo en conta que é esa a carta magna que nega a condición da Galiza como nación e a capacidade para podermos decidir libremente en función dos propios intereses”.
Para Rego, resulta esclarecedor que empregue a guerra na Ucraína como a orixe da crise social e económica actual. “É evidente que o conflito agravou a crise, mais xa viña de atrás e que sufrimos xa ao longo de 2021 e rematou con 6.5% de inflación”. Así mesmo, tamén a empregou para xustificar o aumento do gasto militar e para “apuntarse á escalada belicista que leva promovendo o Goberno español desde o inicio dese conflito”. Paralelamente, Rego denuncia que empregase o discurso natalicio para enxalzar da política militarista da OTAN.
“Curiosamente, en ningún momento fixo referencia á necesidade de realizar todos os esforzos posíbeis no ámbito político e diplomático para poñer fin a ese conflito para buscar unha paz definitiva, xusta e duradeira” apunta o deputado do BNG.
En definitiva, en palabras de Néstor Rego, o discurso deste ano “é un dos discursos que máis se afasta das preocupacións da inmensa maioría da poboación”. O deputado explica que a cidadanía está “máis preocupada en poder chegar a fin de mes”, poder pagar a luz, a calefacción ou o depósito de combustíbel e, non tanto, pola Constitución Española “da que tanto falou Felipe de Borbón”.
“Estamos a falar dunha institución afastada das necesidades sociais e que, por idade democrática habería que deixar atrás canto antes” conclúe Néstor Rego.