O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego participou no acto de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Fene, Juventino Trigo no que cualificou de “vergoñenta moción de censura” o acordo entre o Partido popular e a Marea para afastar do goberno de Fene a Juventino Trigo. Hoxe, explicou Néstor Rego, cúmprese un ano da moción de censura que supuxo a perda da posibilidade, co BNG ao fronte, de que Fene continuase progresando e a partir dese momento, os veciños e veciñas puideron comprobar como Fene “ficou paralizado”. Pero agora, no mes de maio, enfatizou, temos a oportunidade para que Fene, co BNG e Juventino Trigo de alcalde recupere o impulso.
O candidato ao Congreso afirmou que priorizará “as potencialidades do noso país” para crear emprego e xerar riqueza. Para iso, resulta urxente “frear o desmantelamento industrial”, con numerosas empresas en crise e o risco da perda de millares de postos de traballo. Para o candidato nacionalista ao Congreso, é preciso desenvolver “unha nova política de reindustrialización” que, alén de pasar polo impulso de novas actividades, innovación e investigación, parta de “consolidar sectores estratéxicos”.
Rego recalcou que a comarca, a pesar dos diferentes procesos de reconversión, conta cun gran potencial para a construción naval pero necesita dun “novo impulso” para a construción naval civil con carga de traballo e novos empregos, compromiso que o BNG defenderá no Congreso de maneira prioritaria.
“Unha Galiza soberana” tería capacidade para negociar directamente “encargos con terceiros países” e por iso necesitamos “ter presenza como galegos e galegas nos centros de decisión que afectan á capacidade de xerarmos novas potencialidades e empregos. A presenza no Congreso dos deputados é “esencial” ao igual que a presenza de Galiza en todas as empresas públicas estatais para que “non sexan outros os que decidan por nós”.
REMATAR COS ANOS MÁIS GRISES DA POLÍTICA FENESA
Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo apelou ao cambio iniciado polo BNG até o 6 de abril de 2018 cando un pacto entre o Partido popular e da Marea-Somos Fene, “arrebataron a alcaldía ao BNG.”
O 26 de maio, dixo Trigo temos unha oportunidade para reiniciar os proxectos que foron paralizados despois da moción de censura e comprometeuse a recuperar e reforzar os servizos públicos con “reposición de postos de traballo a través de ofertas públicas de emprego”. Tamén fixo fincapé na necesidade de acadar un “Fene democrático, participativo e transparente” e o BNG, afirmou, dará ese novo poder de participación e decisión á veciñanza. Potenciaremos unha páxina web “da transparencia” e para a comunicación do goberno local cos veciños e veciñas de Fene.
Trigo adiantou medidas para a xeración de emprego, entre as que destacou, a posta en marcha de Plans de emprego municipal en coordinación con outras administracións. A inclusión social e igualdade, engadiu, serán prioritarias para o BNG dende o concello.
Ademais, dixo, o BNG conta con proxectos para a auga e o saneamento, a casa do parque de Castelao, un auditorio municipal, a creación de pasos seguros na vía do ferrocarril e un Centro de Día para persoas maiores.
Para Juventino Trigo é necesario “ rematar cos anos máis grises da política fenesa” polo que pediu o apoio ao BNG para facer “un concello transparente e no que os recursos sexan investidos con rigor e equidade”.