O candidato do BNG ás eleccións Xerais, Néstor Rego, prometeu na Coruña que despois do 10 de novembro reclamará con carácter de urxencia o edificio do Cuartel de Atocha e os terreos de Defensa para titularidade pública municipal. Rego participou no II Roteiro pola Devolución de terreos de Defensa e dos edificios infrautilizados convocada por Defensa do Común, A.V. Cidade Vella e de Atochas-Montealto.
"O BNG reclamará con carácter de urxencia no Congreso despois do 10 de novembro, como fixo sempre, que a Coruña recupere ese importante patrimonio para o patrimonio público municipal", sinalou Néstor Rego no inicio da marcha.
Reclamou na súa intervención, como vén pedindo o BNG en numerosas ocasións e con múltiples iniciativas, que os terreos e edificios cuxa titularidade mantén o Ministerio de Defensa, hoxe infrautilizados ou abandonados "deben ser devoltos á cidade gratuitamente porque o Ministerio de Defensa non pode actuar como unha inmobiliaria dedicada a operacións especulativas", mantivo Néstor Rego.
Anunciou así que defenderá no Congreso a cesión gratuíta ao concello dos terreos que, segundo lembrou "sempre foron comunais, é dicir, propiedade da Coruña, polo que non ten que pagar nada por eles, sería un despropósito que se fixera". Citou, neste sentido, terreos do Campo da Estrada, situados sobre a liña das antigas murallas da cidade e, de maneira moi especial, o edificio do Cuartel de Atocha que, ao seu ver, ten que se converter a curto prazo nun equipamento civil.
"O Ministerio de Defensa ten que deixar de actuar como unha auténtica axencia de especulación urbanística como o fixo co Cuartel de Zalaeta e quixo facelo co Hospital Militar e só a mobilización social impediu que iso acontecera", sinalou Néstor Rego.
"A veciñanza da Coruña ten dereito a recuperar sen custos o que é seu", insistiu o candidato do BNG ás eleccións Xerais que defendeu a urxencia de recuperar de maneira especial o Xardín de Capitanía e o Cuartel de Atocha, o edificio público máis grande da cidade hoxe infrautilizado, ademais dos terreos no Campo da Estrada e na rúa Adelaida Muro como zonas verdes, espazos públicos e equipamento social".