Congreso

Néstor Rego non ve xustificación posíbel en poñer en risco a saúde dos traballadores e traballadoras

O deputado Néstor Rego trasladou a preocupación de moitos traballadores e traballadoras que non ven garantidas as medidas de seguridade para protexer a súa saúde no ámbito laboral.

Os nacionalistas demandan aumentar de maneira significativa o número de test diarios, non só para detectar positivos senón tamén para realizar auténticos estudos epidemiolóxicos que aporten o coñecemento necesario para loitar con eficacia contra o COVID-19.

Néstor Rego lamentaba na Comisión de Sanidade, ante o Ministro Salvador Illa, que o Goberno central levantara a paralización da actividade económica non esencial que “se resistían a adoptar, retrasando unha decisión que era inevitábel para romper a cadea de contaxios nos centros de traballo”.

O deputado salientaba que para o BNG “non hai xustificación posíbel para poñer en risco a saúde dos traballadores e traballadoras co fin de salvar as contas de empresarios e empresarias”. Rego fixo referencia á denuncia dun dos membros do comité de expertos que asesora ao Goberno -Xefe de Epidemioloxía do Hospital Clínic de Barcelona- que afirmaba que non fora consultado polo comité ao respecto e avisaba de que os contaxios medrarían cando a xente volvese ao traballo. “Son moitos os expertos e expertas que apuntan a que, incluso desde o punto de vista económico, é preferíbel un tratamento drástico e breve que outro máis suave pero que é necesario prolongar no tempo porque non se cortan os contaxios ou porque se producen rebrotes” apuntaba Néstor Rego.

O BNG trasladou a preocupación de moitos traballadores e traballadoras, e das súas familias, pois non se están a garantir as necesarias medidas de seguridade para protexer a súa saúde. Rego sinalou que “onte o ministro de Seguridade Social, Sr. Escrivá, recoñecía que non se están a realizar as inspeccións necesarias por falta de capacidade”.

O portavoz do BNG no Congreso criticaba que a repartición de mascaras é insuficiente e non garante unha boa protección ante o COVID-19. Apuntaba que “o BNG avogou desde o principio por realizar masivamente test á poboación e critica que a falta de previsión na adquisición ou fabricación, non o fixo posíbel”. Rego incidía en que “son necesarias EPIs nos centros de traballo, moi especialmente en actividades de maior risco, e a día de hoxe non están garantidos”. E recalcaba facendo referencia ao sector mariñeiro, en que non existen protocolos claros de prevención en función das distintas actividades.

Néstor Rego sinalou que dende o BNG sempre se defendeu que a adopción de medidas de contención debiu ser adoptada por territorios, en función da situación e as características de cada un, e que a descalada debe ser territorializada. Recalcou en que “Galiza ten tamén, en relación con esta epidemia, características diferenciadas e polo tanto, un tratamento diferenciado”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG