congreso

Néstor Rego exixe ao Goberno que deixe de colaborar coas xa habituais viaxes do Borbón a Sanxenxo porque “son unha burla á xente”

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG pregunta polo custo do dispositivo de seguranza e afirma que “está claro que se pretende dar carta de normalidade ás viaxes do emérito a forza de estabelecer un costume”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar para exixirlle ao Goberno español unha posición oficial polas “xa habituais viaxes de Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo que son unha burla á xente.”

“Vai xustificarse de novo baixo o argumento de “visitas privadas”? Non cre que estas viaxes resultan vergoñentas, para alén de seren cada vez máis asiduas e en intervalos de tempo máis curtos? Cre que se xustifican?”, son algunhas das cuestións que formula ao Executivo español.

O deputado do BNG quer saber que tipo de dispositivo de seguranza se vai levar a cabo durante esta semana de estancia do Borbón na vila, e cal vai ser o custo para as arcas públicas. “Estase a colaborar cos estas viaxes con diñeiro público”, sinala.

O BNG censura os privilexios a un ex Xefe de Estado fuxido que defraudou a Facenda

Rego critica esta nova visita do Borbón e afirma que “comezan a ser habituais as viaxes a Sanxenxo. Está claro que se pretende dar carta de normalidade a forza de estabelecer un costume. Pode parecer que se se fai costume deixará de ser algo anormal e será asumido como parte da vida cotiá até que nos esquezamos de que cometeu, cando menos, 5 delitos fiscais”.

Deixa claro o parlamentar nacionalista a posición crítica do BNG coa institución monárquica, “non acreditamos en reis e raíñas que herdan privilexios por nacemento. É claro que nunha verdadeira democracia a Xefatura do Estado debe ser elixida pola cidadanía e non herdada e vitalicia”.

O BNG censura as viaxes do Borbón a Sanxenxo que se “queren vender como exclusivas do seu ámbito privado. Teñen unha transcendencia política e unhas implicacións económicas porque o Estado se fai cargo da seguranza”. Sostén Néstor  Rego que Juan Carlos “non debe ter un trato preferente nin privilexios, defraudou a Facenda e fuxiu aos Emiratos Árabes”.

Reclama Rego ao Goberno que “se pronuncie de forma oficial sobre o que é unha burla á xente que observa como se lle outorga un trato privilexiado a un ex Xefe de Estado corrupto, con delitos fiscais, entre outros”.

Néstor Rego insta ao Executivo español a acabar con esta situación e a habilitar os mecanismos precisos que faciliten a investigación dos delitos cos que se lle relaciona ao Borbón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG