Congreso

Néstor Rego: “O discurso de Felipe de Borbón toma posición cos sectores más reaccionarios e inmobilistas do Estado”

Felipe de Borbón
Felipe de Borbón

Néstor Rego ve o Xefe de Estado “moi afastado das preocupacións e necesidades da sociedade actual” que mesmo “se atreve a erixir a Constitución como texto sagrado e inamovíbel”

A frente nacionalista cualifica o discurso do monarca como “anacrónico, caduco e fóra dos tempos políticos” e a mostra “da monarquía máis próxima aos postulados da dereita ultra e a ultra dereita”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica o discurso vitalicio do rei como “anacrónico, caduco e fóra dos tempos políticos” actuais pola súa defensa férrea da Constitución Española como única garante do respecto dos dereitos e liberdades da cidadanía. Así mesmo, apunta a que este discurso sitúa o monarca no espazo político e nos mesmos termos que vén utilizando a dereita e a ultradereita, chegando a romper a súa imparcialidade política. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego critica a que o xefe do Estado se atreva a negar a realidade plurinacional do Estado e o pluralismo existente na actualidade: “fixo un discurso excluínte” recrimina.

Afastado da realidade social: dos problemas e necesidades da cidadanía

Segundo o deputado do BNG no Congreso, Felipe VI dedicou a meirande parte -90%- do seu discurso “para o enxalzamento e protección da Constitución Española” mais non para analizar nin falar das verdadeiras preocupacións da cidadanía. “Semella que era un discurso máis sobre as súas propias preocupacións e necesidades e a necesidade de autoreafirmarse como xefe do Estado” afirma Rego.

“O discurso deste ano resulta esclarecedor pola súa protección á Constitución mais hai que lembrar que a institución máis deslexitimada de todo o Réxime do 78 nestes máis de 40 anos é a monarquía” asevera. De facto, en opinión do deputado do BNG, o xefe do Estado “fixo o papel dunha institución anacrónica, caduca e fóra dos tempos políticos: cunha defensa férrea dunha Constitución como a única garante dos dereitos e liberades da cidadanía, así como da unidade de España”.

“Felipe de Borbón non intenta sequera empatizar cos problemas da meirande parte da sociedade e si conscientemente tomar posición política polo discurso que actualmente está realizando a dereita e a ultradereita” denuncia. En opinión do deputado do BNG, estamos ante “o Borbón máis reaccionario” que se expresa “desacomplexado”.

Negación da realidade plurinacional e pluralismo político

O deputado nacionalista criticou a Felipe VI por afirma que fóra do respecto á Constitución non hai liberdades nin dereitos. “O que non é democrático é negar a plurinacionalidade, o pluralismo político e continuar coa unidade do Estado que é o que aconteceu no discurso do xefe do Estado e mesmo na Constitución que defendeu á ultranza” sinala. Na Constitución, explica Rego, está a orixe de moitos problemas das maiorías sociais do Estado español e, tamén, dos problemas do noso País tendo en conta que “é esa a carta magna a que nega a condición da Galiza como nación e a capacidade para podermos decidir libremente en función dos propios intereses”.

Como forza republicana, Rego aspira a que, após este discurso natalicio, cada vez máis xente se de conta da necesidade de deixar atrás, canto antes, esta “monarquía anacrónica e corrupta” afastada dos tempos políticos.

Dimensión internacional: diálogo e paz

Curiosamente, a pesar de que o pasado ano o monarca fixo mención ao aumento do gasto militar e ao conflito na Ucraína, este ano non fixo “nin unha soa mención o xenocidio que está tendo lugar na Faixa de Gaza, perpetrado polo Estado de Israel”. Un día como hoxe, continúa Rego en alusión o masacre , en que milleiros de palestinos continúan a ser masacrados por “un Estado terrorista que continúa a ser apoiado polo amigo norteamericano e sen que existan vías de diálogo, negociación e paz”.

“Felipe perdeu a oportunidade –posicionándose outra vez do lado reaccionario-, máis unha vez, de facer un chamado a que se respecten os dereitos humanos, a legalidade internacional e a que se avance no camiño da paz parando o xenocidio na Palestina” lamenta Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG