O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirma que os descontos para transportistas nas portaxes da AP-9 anunciados onte polo ministro Ábalos son “claramente insuficientes” e reclama que o Goberno español implante xa as rebaixas tarifarias “cumprindo o estabelecido no Acordo de Investidura”. Aliás, rexeita a implantación de peaxes nas autovías galegas, “unha medida que, para alén de antisocial, prexudicaría gravemente a economía galega”.
Rego lembra que o compromiso do Executivo estatal, como consta no Acordo de Investidura asinado en xaneiro de 2020, é que os descontos na AP-9 garantirán “como mínimo” a bonificación de 100% da peaxe para os usuarios recorrentes (dúas veces ou máis ao día), “tanto particulares como profesionais”, durante todos os días da semana.
O deputado nacionalista criticou o anuncio realizado polo Ministro de Transportes, José Luís Ábalos, en Santiago de Compostela no sentido de que os transportistas profesionais terían un desconto de 20% “tanto en viaxes de ida como de volta”. Rego considera que estes descontos “son insuficientes, para alén de incumpriren o acordado”.
O deputado do BNG reclama ao Ministro Ábalos que poña xa en marcha os descontos tal e como están previstos no Acordo de Investidura. En todo caso, e dado que nel se fala de garantir “como mínimo”, Rego sinala que ao BNG lle parecería ben ese desconto a maiores para profesionais, “como complementario, nunca como substitutorio”.
“Sería unha medida favorecedora do dinamismo económico da Galiza, dunha maior competitividade das empresas galegas e da redución do tráfico pesado por vías convencionais; mais como mínimo o Goberno ten que cumprir aquilo ao que se comprometeu”, sinala.
Rego di “entender e concordar” coas críticas que o anuncio do Ministro suscitou en diversas entidades profesionais que agrupan o sector do transporte no noso País. “Levamos demasiado tempo esperando para que agora veña Ábalos coa rebaixa das rebaixas”, enfatiza Rego. “Agora o que ten que facer é cumprir”.
Por outra parte, o deputado nacionalista reafirmou a oposición do BNG á implantación das portaxes nas autovías, medida que -ao que parece- o Goberno español se comprometeu diante da UE a que entrase en vigor antes de 12 meses. “Reiteramos que, ao non existiren alternativas de transporte público adecuado, de transporte ferroviario -tamén para mercadorías-, esta medida non pode ser considera 'ecolóxica', é simplemente antisocial. Deixaría as autovías só para ricos e forzaría boa parte do tráfico que as utiliza, tamén o transporte de mercadorías, a transitar por vías convencionais en moitos casos xa colapsadas”.
Ademais, Rego lembrou que unha medida destas características, penalizaría aínda máis a economía galega e suporía unha nova lousa para o noso desenvolvemento, quer pola posición xeográfica da Galiza na Península e Europa quer pola ausencia de alternativas adecuadas. “Aínda non cumpriron coa baixada das portaxes da AP-9 e xa nos anuncian novas portaxes. É indecente. Primeiro que cumpran e doten o noso país de infraestruturas ferroviarias adecuadas. Despois xa falaremos”, subliña Néstor Rego.