BNG demanda explicacións ao Goberno español pola súa decisión de despregar no Mar Negro un importante continxente militar ao servizo da OTAN e Estados Unidos. A formación nacionalista denuncia o custo económico que supuxo para as arcas públicas o despregamento das dúas fragatas en plena pandemia onde a prioridade do executivo español debería ser salvar vidas e non tomar posicionamento nunha área xeopolítica tan delicada.
Ante a decisión do Goberno do Estado de despregar dúas fragatas da Armada española, a F-105 “Méndez Núñez” e a F-105 “Cristóbal Colón”, ambas con base en Ferrol, o Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para exixir explicacións ao executivo por tomar parte neste importante continxente militar ao servizo da OTAN e os Estados Unidos e mesmo reclama que explique cales foron os intereses do Estado español que se poñen en xogo no Mar Negro e no estreito do Bósforo.
A presenza deste continxente militar da OTAN con participación española provocou unha reacción defensiva por parte de Rusia que despregou 6 submarinos e outras unidades navais e aéreas nesas mesmas augas para “monitorizar” os movementos das fragatas españolas. “A manobras militares da OTAN están a alterar a fráxil estabilidade política desa rexión. Estas dúas unidades navais, cunha tripulación de 450 militares e que portan helicópteros de ataque naval, súmanse á presenza doutros seis cazabombardeiros españois eurofighter despregados desde Romanía e que están encargados de interceptar avións rusos nese espazo aéreo” enfatiza o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Así, todo parece indicar que estas actividades están tendo repercusións negativas nunha área xeopolítica delicada e que xa provocou o expreso rexeitamento do Goberno ruso. “A participación española nestas manobras só é explicábel desde unha perspectiva de total submisión española ás directrices norteamericanas en materia de política exterior” salienta o deputado nacionalista.
Alén do mais, a formación nacionalista denuncia o custo económico que supuxo para as arcas públicas o despregamento destas unidades navais e aéreas e do persoal respectivo durante a pandemia xerada pola COVID-19 e o BNG convida ao Goberno do Estado que reconsidere esta política internacional intervencionista que segue as directrices dos Estados Unidos e mudala por unha de neutralidade.