congreso

Néstor Rego: “O 18-F haberá mudanza na Galiza para deixar atrás a incompetencia e o mal goberno”

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG demandou ao Goberno español “prioridade para o Ave Vigo-Porto” como está a facer o Goberno portugués e chegar “xuntos” ao 2030

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego compareceu esta mañá para explicar aos medios a posición do BNG no pleno de hoxe de reforma do artigo 49 da Constitución para substituir o termo “diminuídos” por “persoas con discapacidade” e para avaliar temas de actualidade política: a necesidade de primar o AVE Vigo-Porto, ás novas sobre a corrupción do PP e as eleccións galegas.

Posición no pleno: “Celebramos a supresión dun termo discriminatorio”

Celebrou a supresión do termo “diminuídos” e a súa substitución por “persoas con discapacidade”, ao tempo que reivindicou políticas públicas para a igualdade e a inclusión. Engadiu que “o  feito de que se precise esta modificación para evitar un termo discriminatorio é unha mostra de que a Constitución, que xa tiña no seu día serias limitacións democráticas, esta absolutamente desfasada e non responde ás necesidades democráticas e sociais do momento”. O deputado informou que, por se tratar dunha mudanza moi puntual, o BNG non presentará emendas e votará a favor, tal e como reclamaron as asociacións que agrupan as persoas con discapacidade.

Rego aproveitou para denunciar o carácter antidemocrático dunha Constitución que o nacionalismo galego rexeitou no seu día e subliñar aspectos que o evidencian:  “Diminúese en democracia cando hai unha xefatura estado que non elixe a cidadanía e é vitalicia, para alén de designada inicialmente polo ditador Franco. Diminúese cando non se recoñece a existencia das nacións como a Galiza e o dereito á autodeterminación ou cando non se recoñece a igualdade para todas as linguas”.

Defendeu o deputado nacionalista que “como mínimo, sería preciso un proceso global de modificación da Constitución para avanzar en democracia”. Aliás, engadiu que, como forza soberanista, o BNG defende que a solución verdadeiramente democrática sería un proceso constituínte que garantise á Galiza capacidade de decidir de forma soberana”.  

Priorizar o AVE Vigo-Porto para 2030.

Néstor Rego aludiu a unha “cuestión moi relevante para Galiza” en relación ás declaracións feitas polo alcalde de Lisboa -da dereita portugues- que criticaba as políticas do Goberno portugués por primar as infraestruturas ferroviarias do Eixo Atlántico e, apostaba, en liña con Ayuso e a dereita española, por priorizar a conexión con Madrid.

Salientou Rego que BNG leva moitos anos reclamando ao Goberno español que faga a súa parte da conexión entre Vigo e Porto. “Isto está no Acordo de investidura, en que o BNG conseguiu o compromiso do Goberno coa mesma data que o portugués: 2030 para termos conexión directa entre A Coruña e Lisboa”. Destacou a aposta do Goberno portugués por esta conexión, dado que vén de licitar o primeiro tramo entre Porto e Aveiro. Apelou ao Executivo español a facer o mesmo porque “somos un grande espazo social e económico. A fronteira galego portuguesa é a fronteira europea máis permeábel, onde máis persoas circulan diariamente”. Insistiu en demandar  que se avance na execución do tramo Vigo-Valença.

Chamamento á manifestación do 21: denuncia do abandono do noso mar

Néstor Rego asegurou que haberá un cambio na Galiza, poñendo de manifesto que xa todas as enquisas indican unha evolución decrecente do PP, algunhas sinalan a súa perda de maioría absoluta. “Unha tendencia que se verá acentuada pola última demostración da súa incompetencia na xestión da contaminación por pellets, xa que o único que fixo foi repetir o protocolo da vergoña do Prestige: incompetencia, mentiras e  manipulacións”. Apelou á acudir á manifestación do vindeiro domingo 21 para denunciar o abandono e reclamar a protección do noso mar.

Corrupción do PP: “Un partido dopado por financiamento ilegal”. “15 anos de PP na Galiza favorecendo empresas amigas”.

O deputado nacionalista fixo  referencia á implicación de  Rajoy, xunto con Cospedal e Montoro na operación Catalunya. Cualificouno de “exercicio permanente de corrupción do PP, “un partido intrinsecamente corrupto e que usa as institucións do estado e institucións públicas para os seus intereses. Un PP que habitualmente concorre dopado ás eleccións, dopado por financiamento ilegal como está acreditado nas diferentes causas., mais tamén por regar xenerosamente con axudas medios de comunicación para manter a rede de propaganda”. Un PP que concorre así ás eleccións na Galiza.

Deixou claro que en 15 anos de goberno do PP, especialmente de Feixoó, “favoreceron que empresas amigas fixesen negocio na Galiza, sobre todo co espolio eólico, coa privatización da sanidade, igual que fan coas Residencias. 0 Residencias en 15 anos para favorecer o negocio de empresas privadas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG