parlamento galego

Montse Prado: “Privatizar o aborto é unha decisión claramente ideolóxica que nada ten que ver coa falta de recursos”

Montse Prado
Montse Prado

Acusa a Sanidade de intentar “estigmatizar” ás mulleres derivándoas a clínicas privadas no canto de atendelas nos seus hospitais de referencia

O BNG reclama á Consellería que destine os 2,5 millóns do contrato para ‘externalizar’ o servizo de IVE a garantir a atención en centros do Sergas

A deputada do BNG Montse Prado tachou hoxe de “claramente ideolóxica” a decisión da Consellería de Sanidade de “privatizar”  a prestación do servicio de interrupción voluntaria do embarazo, para o que a Xunta do PP ten anunciando un contrato de 2,5 millóns de euros. “Esta licitación non ten a ver coa falta de recursos, ten a ver cunha escolla claramente ideolóxica do PP co obxectivo de facilitarlle o negocio á sanidade  privada e ten a ver coas súas posicións cada vez máis ultras no que a dereitos das mulleres se refire”, asegurou.

No transcurso dunha pregunta formulada na Comisión 4ª do Parlamento, que coincidiu coa celebración hoxe do Día de Acción Global para o Acceso ao Aborto, Prado incidiu en que a externalización deste servizo nos casos de menos de 14 semanas de xestación que non sexan de alto risco responde ademais ao intento do Goberno do PP de “estigmatizar” ás mulleres derivándoas a clínicas “como algo excepcional” na vez de atendelas no seu hospital de referencia polos profesionais do servizo como calquera outra prestación, tal e como reclama o Bloque.

Para Montse Prado, a licitación anunciada supón “un paso máis na carreira irresponsábel na que leva o PP os últimos catorce anos para descapitalizar a sanidade pública en beneficio da privada”. Neste sentido, instou á Consellería a destinar os 2,5 millóns de euros do contrato das IVE a dotar ao Sergas dos recursos necesarios para garantir a prestación dunha asistencia que, lembrou, está contemplada na carteira básica de servizos. Apuntou, ao respecto, que o número de abortos que se prevé realizar é de 800 cualificados de intervencións pouco complexas polo que, tendo en conta que en Galiza hai 14 hospitais públicos, fanse unha media de pouco máis de un á semana.

“Cales son as dificultades insalvábeis para non poder encaixar na programación de cada hospital un aborto á semana?”, preguntou, ao tempo que cuestionou se, máis que unha xustificación científica, haberá hospitais “con obxeccións de conciencia colectivas, incitadas, que están prohibidas pola lei”

Neste punto, a deputada do BNG chamou a atención pola diferencia entre os lotes do contrato anunciado por Sanidade, un de 1,1 millóns de euros para A Coruña, Santiago , Ferrol e Lugo, e outro de só 211.000 euros para Pontevedra-Salnés e Ourense. “Unha previsión de 680 abortos nun lote e 121 noutro”, subliñou, destacando ademais o “curioso” que resulta que área de Coruña se derivasen arredor do 70 % dos realizados entre as semanas 9 a 14 e ningún na de Vigo.

Entre as propostas feitas por Prado á Consellería figura a regulación da obxección de conciencia, a empezar pola creación  do Rexistro de Obxectores, “e poidamos saber que profesionais o son e si o son na sanidade pública e tamén na privada”. “Usan a obxección de conciencia de xeito torticeiro e escurantista”, acusou, emprazando aos responsables de Sanidade a planificar as intervencións de IVE “como programan para que haxa profesionais para realizar unha transfusión ou operar unha apéndice”.

“O dereito ao aborto, a decidir sobre os nosos corpos, conquistámolo as mulleres a base de moita loita, e non lle imos permitir que nos poñan obstáculos para exercelo”, concluíu a súa intervención na Comisión 4º Montse Prado, que aproveitou ademais para denunciar que “a día de hoxe vemos con enorme preocupación como a dereita e a extrema dereita de ganchete tentan que se dean pasos atrás en dereitos conquistados”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG