Montse Prado pide á Consellaría do Mar que reaccione ante o Brexit e o custe que supón para a flota

Montse Prado, (Consellería Mar)
Montse Prado
  • A deputada e  portavoz de pesca do BNG achacou a Mar “desleixo” para defender o sector pesqueiro galego, permitir a introdución de produtos foráneos e impulsar a acuicultura en detrimento doutras actividades, polo que demandou “unha posición proactiva” e negociar a favor da pesca galega

Tras a comparecencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a deputada do BNG, Montse Prado criticou a “xestión negativa” para o sector desenvolvido durante dúas lexislaturas polo Partido popular.

A parlamentaria tamén se referiu ao “Brexit” e as consecuencias sobre a flota pesqueira galega polo que pediu unha “posición proactiva” e non agardar a que outros “movan ficha”. O goberno galego, recalcou, debe reivindicar o papel e importancia do sector pesqueiro para o noso país e poñerse en disposición para negociar. No Gran Sol explicou, faenan 57 barcos con  800 tripulantes galegos que crean moitos postos de traballo indirectos en terra ademais dos 140 barcos de capital galego faenando con bandeiras “inglesas, francesas e irlandesas” e mentres sobras 14.000 toneladas de rape cada ano, os barcos de bandeira galega non teñen esa capacidade para pescar, de aí a necesidade de abandeirarse noutros países para alcanzar unha cota máis ampla. A parlamentaria demandou tamén unha solución para os mariñeiros que cotizan na Seguridade Social francesa.

Do Reino Unido, engadiu, tamén dependen os barcos das Malvinas que teñen a súa base en Marín ou Vigo con máis de 30.000 tripulantes, neste contexto preguntou que tipo de acordo negociará a Unión Europea co Reino Unido e como vai ser regulado o tráfico de persoas e mercadorías?. “Plántese en Madrid e non consintan que se repita  o que   pasou coa pesca galega, non permitan que o Brexit volva a prexudicar a nosa flota e converta nun desastre maior o noso mar e ao noso sector, non permitan que Galiza volva a ser moeda de cambio para beneficiar outros estados europeos”.

Na súa intervención, Prado lembrou que os mariñeiros do certo permaneceron acampados durante 100 días diante da consellería e reprochou a titular de Mar non ter dialogado co sector a pesar das reiteradas peticións realizadas pero si falou, dixo, “con aqueles que concordan coas súas políticas”, esa é a política do “ordeno e mando”.

A nacionalista preguntou  á conselleira Quintana  cal é situación real do sector  porque despois de dúas lexislaturas o balance non corresponde ao optimismo mostrado na comparecencia, “moitas persoas abandonaron o sector pesqueiro, non hai renovación xeracional nin rendas dignas para os traballadores e traballadoras do mar, a etiquetaxe non favorece os produtos pesqueiros galegos e Galiza perdeu peso en materia pesqueira”.

Dende o BNG cualificamos de “negativa” a xestión da consellería dende o ano 2009,  30 barcos do Gran Sol  despezados, 415 embarcación tamén despezadas, no cerco pasaron de 98 barcos a 43, e a renda das mariscadoras está por debaixo do salario mínimo interprofesional. Esta realidade non  vai parella, dixo, co optimismo do seu discurso que ademais non vai acompañado nin sequera dos orzamentos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG