A deputada do BNG, Montse Prado denuncia o “maltrato” ao persoal sanitario nas condicións laborais e recursos dispoñibles que durante esta pandemia se agudizaron como evidenciou a insuficiencia de material, falta de protocolos e tests, contratos laborais por días e semanas, prohibición do uso de material para a protección contra o virus ao que agora, hai que sumar as “inaceptables” declaracións da xerente da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez nas que culpabiliza ao profesionais sanitarios de seren os responsables de contaxiarse da COVID-19 nas salas de café e durante os descansos.
Prado tilda as declaracións da xerente de “frívolas e irresponsables” sobre todo, despois do clamor contra a falta de material de protección e tras as directrices da propia xerente animando ao persoal a “reducir as medidas de protección”. A deputada do BNG insta a Feixóo a que “cese de inmediato” á xerente porque de non ser así estará avalando súas declaracións. Por outro lado, Prado critica que Feixóo louve publicamente o labor dos e das profesionais da sanidade e ao tempo, feitos coma este “desmintan ese recoñecemento”.
O mellor aplauso para os e ás traballadoras da sanidade pública é garantir condicións dignas e de protección para desenvolver o seu traballo e rematar “coa precariedade laboral, así como a reposición de todas as prazas eliminadas”. Prado demanda unha “sanidade pública sen recortes nin privatizacións”,