Montse Prado: ”Dar luz verde a mina de Touro é poñer en grave risco centos de postos de traballo na Arousa”
Montse Prado denuncia que os terreos e cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla que arrastrará materiais contaminantes á ría de Arousa o que provocará unha afección moi negativa no sistema produtivo e social da comarca
A deputada do BNG, Montse Prado alertou hoxe dos efectos negativos da Mina de cobre dos concellos de Touro e o Pino sobre a ría de Arousa e advertiu ao PP que se decide dar “luz verde” ao proxecto será “cómplice” da perda de centos de postos de traballo, directos e indirectos, na comarca de Arousa.
A través dunha proposición non de lei, a deputada explicou que o obxectivo do proxecto é seguir explotando os xacementos abandonados no ano 1986 e engadir xacementos colindantes. Trátase dun proxecto, dixo, de megaminería a ceo aberto que ocupará unha extensión de 679 Hectáreas. Un proxecto, presentado por unha transnacional participada por fondos de investimentos e capital abuitre con un claro interese especulativo, “ sacar moitos beneficios en pouco tempo e furtar impostos”.
A súa ubicación en plena conca do río Ulla, explicou a parlamentaria, ten feito saltar as alarmas na ría de Arousa: polo temor as consecuencias medioambientais e sobre o tecido social e produtivo da ría por mor do proceso utilizado ao usar compostos químicos cun nivel de toxicidade alto, irritantes, tóxicos, alerxénicos, canceríxenos... “un material depositado en enormes balsas, altamente contaminadas e polo tanto con risco de ser contaminantes”.
Ademais, os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla e a contaminación que xere irá polas augas abaixo á ría de Arousa. O río Ulla, manifestou a nacionalista, é o principal aporte de auga doce á ría xa que desemboca directamente nos bancos marisqueiros e o “impacto medioambiental” no sector produtivo, tanto marisqueiro como da pesca será “letal” para unha comarca gravemente danada polo desemprego.
A deputada pediu ao goberno “non poñerse de perfil”. Digan vostedes non a un proxecto que só vai beneficiar a unha empresa “depredadora” e que contra os intereses das xentes que viven do mar polo que volveu pedir que non se autorice o proxecto de explotación mineiro San Rafael, situado nos concellos de Touro e O Pino nº 2946, polos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial e coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos.
Finalmente, Prado reclamou proceder á “eliminación dos focos de contaminación de metais pesados da antiga mina, para como mínimo, recalcou, asegurar que esta explotación non compromete a calidade das augas do río Ulla e da ría de Arousa.