O BNG súmase á campaña de recollida de sinaturas da Plataforma Mina Touro-O Pino Non
Concelleiras e concelleiros de Touro e O Pino, pero tamén de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzua, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove fan unha visita protesta á antiga mina de Touro-O Pino
O BNG realizou unha nova mobilización contra a mina de Touro nesta ocasión cunha visita-protesta á propia mina que congregou a unha nutrida representación de concelleiros e concelleiras dos municipios afectados por este proxecto de megaminería, que afecta aos concellos de Touro e O Pino, pero tamén ten efectos directos nos concellos limítrofes e da comarca de Compostela e nos municipios regados polo río Ulla que soportaría de cheo a afectación por metais pesados.
Neste contexto, unha ampla representación de responsables municipais nacionalistas dos municipios afectados realizaron unha visita á propia mina, na que tamén participou o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas. Ademais, dos portavoces en Touro e O Pino, asistiron representantes dos concellos de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzúa, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove.
Con esta visita de protesta á mina, que congregou a unha ampla representación municipal do BNG, a formación nacionalista alerta sobre un proxecto de reapertura da mina que implica a ampliación de 2.000 hectáreas e 120.000 quilómetros cadrados para facer investigación.
Para dar unha idea do impacto ambiental, económico e social no territorio, o proxecto ampliado significaría 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alto tonelaxe, balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreo e con perigo directo para as vivendas. E todo nunha área con forte actividade agrogandeira que, ademais, está logrando incorporar xente moza.
Precisamente, a contaminación que soportaría o Ulla fai que o problema medio ambiental, de destrución do tecido económico e de emprego se traslade a outros concellos e afecte á actividade pesqueira e marisqueira nunha parte das rías galegas.
O BNG, que se suma tamén á campaña de recollida de sinaturas iniciada pola Plataforma Mina de Touro-O Pino NON, quere alertar con este acto da dimensión que se esconde detrás do proxecto de megaminería, “auténtica bomba para o medio ambiente”, que afecta e miles de veciños e veciñas, que pon en risco miles de empregos na agrogandería e na pesca e marisqueo.