O BNG alerta dos efectos negativos da mina de cobre de Touro-O Pino sobre a ría de Arousa
Montse Prado denuncia que os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla arrastrando materiais contaminantes que afectará a ría de Arousa
A deputada do BNG, Montse Prado alertou hoxe dos efectos negativos da Mina de cobre dos concellos de Touro e o Pino sobre a ría de Arousa e formulou unha pregunta á conselleira do Mar, Rosa Quintana ante a reapertura do proxecto de explotación mineira.
A deputada explicou que o obxectivo do proxecto é seguir explotando os xacementos abandonados no ano 1986 e engadir xacementos colindantes. Trátase dun proxecto, dixo, de megaminería a ceo aberto que ocupará unha extensión de 679 Hectáreas. Un proxecto, presentado por unha transnacional participada por fondos de investimentos e capital abuitre con un claro interese especulativo, “ sacar moitos beneficios en pouco tempo e furtar impostos”.
Para a deputada, a mina terá uns altos impactos negativos, tanto medioambientais, como na saúde e económicos, porque consiste en furar toneladas de terreo, coller o mineral, tirar o resto, sacar o cobre mediante proceso químico e levalo fora.
A súa ubicación en plena conca do río Ulla ten feito saltar as alarmas na ría de Arousa: polo temor as graves consecuencias medioambientais e no tecido socio - produtivo da ría polo que preguntou se esta alarma é xustificada. A propia deputada respondeu que si porque para separar o cobre úsanse compostos químicos con un nivel de toxicidade alto, irritantes, tóxicos, alerxénicos, canceríxenos... un material depositado en enormes balsas, altamente contaminadas e polo tanto con risco de ser contaminantes.
Ademais, os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla e a contaminación que xere irá polas augas abaixo á ría de Arousa. O río Ulla, remarcou Prado, é o principal aporte de auga doce á ría desembocando directamente nos bancos marisqueiros e o “impacto medioambiental e no sector produtivo, tanto marisqueiro como da pesca pode ser letal”.
Montse Prado preguntou á conselleira do Mar se a Consellería valoraba a posíbel afectación na ría de Arousa trala reapertura da mina e se existe algún estudo sobre a posíbeis consecuencias na ría, nos bancos marisqueiros e na pesca.
Finalmente, tamén preguntou se a Consellería do Mar ten previsto atender as demandas de confrarías, asociacións de mexiloeiros, PDR, e concellos afectados polos efectos da mina de cobre. A Sra. conselleira do Mar, vostede dixo ten como prioridade “protexer e preservar os recursos marítimos” inquiriu a nacionalista.
Non se poña de perfil e diga se vai a elaborar un informe negativo do proxecto da mina porque “a xente do mar agarda a súa resposta e o seu compromiso co mar non cunha empresa transnacional depredadora”, concluíu.