A mina de Touro é un risco para o río Ulla, para tecido produtivo local e para a saúde das persoas
Mini: "A mina tería un impacto negativo sobre o abastecemento de auga potable da poboación, a Xunta ten que denegar a súa apertura"
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas demandou hoxe, a través dunha proposición non de lei, “denegar a reapertura da actividade mineira nos concellos de Touro e O Pino presentada pola empresa Cobre San Rafael S.L polo impacto negativo sobre a economía e o río Ulla”.
Nesta liña, o deputado afirmou que non pode ser “asumible”, un megaproxecto mineiro que deixa “un impacto medioambiental gravísimo e unha ameaza que permanecerá no futuro sobre un amplo territorio bañado pola vía fluvial do Ulla que abastece de auga potable unha zona densamente poboada e que conecta coa ría de Arousa, xeradora de grandes recursos”.
O BNG PROPÓN AO GOBERNO UNHA VISITA INSTITUCIONAL A MINA
O deputado propuxo a titular de Medio Ambiente realizar unha visita institucional á Mina de Touro para comprobar “os malos cheiros” e o grave risco dunha minería que extrae o produto en Galiza para beneficiar a empresas foráneas e que deixa “aquí a contaminación”. A conselleira, dixo, “debería visitar a zona e comprobar por ela mesma porque este proxecto xera tanta alarma na poboación”.
Na documentación, explicou o deputado, cítase un entramado de empresas, unhas como titulares dos dereitos mineiros, supostamente en contradición co propio Centro Catastral Mineiro e outras aínda sen un papel específico e que levantan dúbidas sobre a relación entre Minas Metálicas del Noroeste SL e Explotacións Galegas de Cobre SL. Se estas dúas empresas non son titulares de ningunha concesión de explotación, cal é o seu papel?, preguntou o nacionalista.
A MINA DESTRUE TECIDO PRODUCTIVO E NON CREA EMPREGO DE CALIDADE
“Unha actividade mineira desta envergadura, explicou o deputado, elimina explotacións gandeiras porque estraga a base territorial, reduce a produción hortícola e froitícula, paraliza proxectos iniciados no sector agrogandeiro e vai ser unha hipoteca para calquera desenvolvemento das actividades de transformación”.
A Mina de Touro vai crear ningún tecido produtivo na zona, tan só unha pequena xeración de postos de traballo temporais e de baixa cualificación que en absoluto compensan, nin de lonxe, todo o dano que, ese si, será para sempre.
O acordo unánime das corporacións de tres concellos posicionados en contra do proxecto: Touro, Teo e Vila de Cruces, confirma que de estarmos defendendo os intereses da economía e benestar dunha zona castigada xa polos desmans dunha minería de espoliación que deixou a súa pegada na comarca.
A firme convicción de estar a favor do sentido común e dos intereses presentes e futuros do pobo de Touro e das xentes que habitan toda a Ulla ata onde as augas do río se saturan co sal do Atlántico formando esa singular fonte de recursos chamada Ría da Arousa.
Dende o BNG, reiterou o nacionalista, “exiximos a denegación do permiso de apertura da actividade mineira, o cumprimento estrico da lei no concernente ó almacenamento de refugallos contaminantes no espazo da mina e a restauración inmediata por parte do propietario dos terreos.