A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a portavoz municipal e candidata do Bloque á Alcaldía compostelá, Goretti Sanmartín, anunciaron a creación dunha oficina de captación de fondos europeos en Compostela para impulsar proxectos relevantes de ámbito cultural, medioambiental, de transportes, de saneamento e de accesibilidade da cidade.
“Agardo que Goretti sexa a vindeira alcaldesa de Santiago nun lugar preferencial europeo, que non está nestes momentos, porque cremos que se perderon moitas oportunidades”, manifestou Ana Miranda tras o encontro para falar sobre as liñas de axudas europeas celebrado con parte da candidatura do BNG de Compostela, que Miranda cualificou de feminista e moi implicada coas asociacións e colectivos da cidade.
Ana Miranda explicou que na reunión analizaron os diferentes programas e fondos europeos aos que Santiago podería acceder “pero aos que non accede porque non se están pedindo”. Neste sentido mencionou programas da Axencia Urbana Europea, do fondos FEDER, a maiores dos fondos de recuperación europea. “Hai moitas oportunidades para pedir pero hai que ter un equipo técnico especializado en fondos europeos, que é o que propón a futura alcaldesa”, manifestou.
“Estamos fóra de todas as redes de transición xusta, de sustentabilidade, de igualdade, e temos figuras literarias internacionais que poderían dar lugar a un programa de fondos europeos relacionados coa figura de Rosalía de Castro”, explicou a eurodeputada nacionalista, ao tempo que alertou das moitas oportunidades desaproveitadas polo desleixo do actual goberno.
Máis recursos e servizos
“Con esta oficina pretendemos que o Concello teña maior empuxe con estes recursos e que dea servizo tamén a particulares, empresas e asociacións que queiran acollerse a liñas de axudas europeas para a rexeneración de espazos urbanos, para a transición enerxética, para a renovación das tubaxes de saneamento, para potenciar o emprego feminino e diminuír a fenda salarial, para a creatividade artística e a recuperación do patrimonio cultural”, explicou Goretti Sanmartín na súa intervención.
No encontro, no que tamén participaron Pilar Lueiro, Marisa Gil e Concha de la Fuente, que fan parte da listaxe do BNG ás eleccións municipais, analizaron as liñas de colaboración “porque Santiago ten que ser referente en Europa, ten que ser vangarda e non pode perder o pulso como acontece nestes momentos”, salientaron.
Goretti Sanmartín destacou o labor de Ana Miranda como eurodeputada que defende os intereses de Galiza no Parlamento europeo e trasladoulle a solidariedade da Corporación municipal que mostrou o seu apoio maioritario nunha moción conxunta logo de ser expulsada por Israel dunha delegación oficial. Neste sentido Miranda expresou o seu agradecemento polo apoio e solidariedade. Por outro lado, Sanmartín tamén salientou as súas xestións en relación ás vítimas do accidente do Alvia e á seguranza ferroviaria.