O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas destacou hoxe en Cedeira, “o compromiso do BNG coa pesca artesanal, volanteiros e percebeiros e percebeiras”. Nun mitin acompañado polo candidato nº5, Ramón Fernández (Mon) e a portavoz municipal, María Xosé Rodríguez, Rivas lembrou que a flota galega da volanta nesta localidade non chega na actualidade a unha ducia de embarcacións cando chegou a superar os 50. O candidato recalcou que Feixóo e o seu goberno non defendeu a flota galega mentres os vascos “si teñen quen os defenda” e por iso poden pescar na nosa costa cando para a flota galega “os topes de captura son ridículos”.
Para o candidato, o sistema de cotas prexudican gravemente a Galiza e “a pesca artesanal” debería “quedar excluída dese reparto” porque representa unha “arte tradicional e sustentable da actividade pesqueira” ademais de “respectuosa coa biodiversidade e os hábitats naturais”.
A pesca artesanal, afirmou o candidato, “xera emprego directo e indirecto e contribúe a fixar poboación”. Na súa intervención, salientou a importancia de poder contar con produtos do mar e do campo durante a crise da COVID-19, un bicho, dixo, que “veu a mudalo todo” pero tiramos del unha lección, “temos que defender a pesca e o agro porque grazas ao traballo de moitos homes e mulleres pasamos o confinamento sen restrición de produtos”.
Por outra parte, o nacionalista tamén se referiu aos problemas da Praia da Madalena derivados da construción do espigón que fai que a praia teña que permanecer pechada en diferentes períodos porque o mar arrinca a empalizada que protexe as dunas. É necesario, dixo Rivas protexer a praia con medidas contra as consecuencias dos recheos. “Hai que actuar” e non vale o que fixo o goberno galego do Partido popular, “botar balóns fóra culpabilizando a Costas e a Madrid”. O vindeiro 12 de xullo, abondou Rivas, todos os galegos e galegas temos a oportunidade de elixir un goberno liderado polo BNG, por Ana Pontón. Ese goberno fará o estudo que leva anos pedindo Cedeira para resolver os problemas da praia da Madalena.
O voto útil é o do BNG e a enquisa real a do 12 de xullo
Rivas mostrouse convencido do crecemento do BNG e lembrou que as enquisas só reflicten a intención do voto, o “voto útil”, recalcou, é o do 12 de xullo a unha forza política que defende os intereses da nosa pesca, do medio ambiente, o pulo que precisan os nosos sectores produtivos, e nesta comarca tendes moitas mostras de como nos últimos anos os gobernos populares só trouxeron “maltrato social e económico”. Necesitamos impulsar o noso naval, nacionalizar Alcoa para que siga producindo riqueza e postos de traballo, temos que impedir que as empresas pechen día tras día, necesitamos emprego de calidade e que o talento da nosa mocidade non teña que ir fóra porque aquí ninguén lle ofrece oportunidades para iniciar un proxecto de vida. “Esa é a meta á que aspiramos, e non só coma soño senón coma esperanza porque outra Galiza é posible”.
Temos por diante días de intenso traballo. “Debemos petar nas conciencias dos nosos veciños e veciñas, desa maioría que comparte a necesidade dun cambio... que o voto que realmente ten valor nestes momentos para a construción dunha sociedade máis xusta, máis igualitaria, con potenciación dos servizos públicos, con políticas de igualdade e de conciliación, coa revitalización do rural, coa recuperación e deseño industrial, a pesca… “Ese é o voto útil e pertence ó nacionalismo galego, ó BNG”.