O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) formulou hoxe unha pregunta parlamentaria sobre as axudas para previr os danos causados polo lobo e o porco bravo na gandería e nos cultivos agrícolas así como a dificultade dos trámites para acceder as axudas.
O parlamentario explicou que desde o ano 2016 non se publicaron axudas para prevención e danos do porco bravo. “Disque non había queixas dabondo. Sra. Conselleira, marque vostede o 012 e saberá o por qué!. Claro que este ano hai eleccións municipais e hai que repartir cartos e tapar buratos, de non ser así non entendemos como hai máis recursos para indemnizar danos que para a súa prevención. Para prevención de danos do lobo, 200 mil euros, para danos, 300 mil e para o xabaril, 100.000 euros fronte a 811.000 para indemnizacións. O deputado cualificou de “ridículas” as dotación ante a magnitude do problema.
Para o nacionalista, “as ordes son un insulto á intelixencia de todos aqueles sectores afectados e dos que temos preocupación pola pervivencia do rural”, afirmou. O Imprescindible equilibrio lobo—gando mostrenco—limpeza matogueira das serras ésta en perigo, advertiu, e os ataques ao gando extensivo, tanto vacún coma cabrún ou ovino non son atendidos en tempo nin avaliados no seu valor.
O parlamentario asegurou que os ataques do porco bravo afectan gravemente aos cultivos forraxeiros con maínzo e pradaría, ambos, dixo, cultivos fundamentais para as explotacións leiteiras ao que sumou danos en cultivos agrícolas de alimentación de autoconsumo e horta profesional, ésta última con grandes perdas.
Por outra parte, Rivas advertiu que o xabaril é transmisor da Peste Porcina africana e Tuberculose, “un grave problema para a saúde do gando e das persoas ” e ante o que Medio Rural e Medio Ambiente, denunciou, mostran “unha pasividade preocupante”.
O deputado tamén aludiu ao que cualificou “anacronismos” das ordes para acceder e tramitar ás axudas entre as que destacou : A esixencia dos permisos para acceder a licencia da construción de valados subvencionados que “todos sabemos son farragosas e complexas”, 100.000 euros para peches, cantidade insuficiente, referencia (Sixpac) das parcelas con cultivos afectados por danos producidos polo xabaril, indicando a superficie declarada na solicitude única da PAC do ano 2018, “cando sabemos que a agricultura profesional non está incluída nas axudas da PAC.”, manifestou.
O parlamentario cuestionou a obrigatoriedade de formular a denuncia antes das 72 horas do ataque e preguntou como debe facer un agricultor profesional para detectar os ataques antes de 72 horas en 70 fincas distantes?. Finalmente tamén preguntou porque son excluídas das axudas, os arandos, amorodos, acelgas, allos, espinacas, pirixel, berzas, tirabeques, chícharos... e son admitidos os boniatos. Toda unha lección de coñecemento exhaustivo da realidade, ironizou o nacionalista.