O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará, acompañado da integrante da executiva nacionalista Eva Vilaverde, trasladouse hoxe ao hospital Montecelo de Pontevedra para amosar o seu apoio ao compañeiro portavoz municipal de Caldas de Reis, Manuel Fariña, trala agresión sufrida por parte dun empresario da comarca logo de defender os intereses veciñais e denunciar actuacións contra o medio ambiente con verquidos ilegais no monte do Saiar.
“Queremos transmitir todo o noso ánimo e apoio e poñer en valor a súa coraxe e valentía para traballar en defensa dos intereses veciñais enfocando nel a toda a militancia do BNG e aos nosos representantes nos concellos que ás veces traballan en condicións de moita presión precisamente por teren esa valentía ao defender nos intereses públicos”, dixo Bará.
O nacionalista foi contundente e asegurou que as agresións físicas e ameazas como as sufridas por Fariña “dende logo non nos van amedrentar nin atemorizar”. Insistiu en que “imos estar sempre no primeiro plano dando a cara e batalla denunciando as agresións ao público, ao monte, ao medio ambiente”, xa que esa, dixo, “é unha marca que nos caracteriza no BNG e Manu Fariña é un exemplo do traballo feito con valentía, sen medo defendendo o interese común”.
Fariña foi agredido na mañá de hoxe logo de que un empresario local o fose buscar á súa casa para trasladarse ao lugar onde se fixeran os verquidos, que o nacionalista denunciara formalmente no Concello. Xa no monte, tras subir o tono da discusión o empresario propinou unha puñada ao nacionalista que o fixo caer ao chan mancando as costas e un nocello. O portavoz municipal solicitou unha ambulancia, na que foi trasladado a Montecelo, onde lle fixeron diversas probas. Unha vez finalize a atención sanitaria Fariña presentará denuncia fronte á Garda Civil en Caldas.