- O candidato nacionalista criticou hoxe en A Estrada as liortas doutras formacións “chamadas de esquerdas” que dan vantaxe ao PP
A praza do Mercado de A Estrada foi o escenario elixido hoxe polo BNG para presentar na comarca a candidatura liderada por Luís Bará na provincia para as eleccións do 25-S. Acompañado por Susana Camba Castro, veciña do concello -que figura no posto número seis da lista-, así como como polo concelleiro Xosé Magariños e outros militantes, o nacionalista asegurou que o BNG ten un proxecto ambicioso e alternativo que quere poñer o país a producir desenvolvendo as súas potencialidades.
“Hai por diante unha grande oportunidade para empezar de verdade un tempo novo e superar este goberno do Partido Popular que nos deixa un país en declive e decadencia con cada vez máis desigualdades e desequilibrios”, asegurou, para engadir que o do PP “é un goberno que non está a altura, un goberno sen alma submiso e servil ante as imposicións que veñen de fóra”.
Como contraposición, segundo indicou, o BNG ten un proxecto “propio e alternativo, diferente, nacional, para Galiza, que é a un tempo un proxecto social, xa que hai que poñer o país a producir e desenvolver as potencialidades e capacidades é fundamental para garantir riqueza para os galegos e galegas”. O cabeza de lista destacou que a proposta do BNG aposta pola modernización, pola innovación, polos novos sectores, o talento, a ciencia e a xente nova: “Queremos un proxecto que pense que este país é capaz de saír adiante cos seus propios recursos e a súa xente cambiando a relación co estado e tendo un papel político diferente no panorama do estado. Iso é posible”, subliñou.
En calquera caso, Bará tamén aproveitou en A Estrada para criticar o “espectáculo lamentable” que se da na política do estado polas catro forzas políticas principais, aínda que cargou as tintas coas forzas de esquerdas, que non foron capaces de armar un goberno alternativo ao Partido Popular “e que o único que fixeron nestes meses dende as eleccións foi reforzar ao PP”. Tamén manifestou a súa preocupación polo panorama nas forzas políticas “que se din de esquerdas” en Galiza, con liortas e enfrontamentos polo poder “que non axudan e dan vantaxe ao Partido Popular”.
Bará sinalou que fronte a ese panorama tan pouco edificante está a proposta do BNG, que cualificou de seria, solvente e rigorosa, avalada e acreditada polo traballo feito en moitos gobernos municipais que demostra que se pode transformar a realidade partindo das propias forzas. “É unha aposta valente e enérxica por defender o país, porque non tempo de mansedume”, dixo.
“Queremos dirixirnos aos desencantados e cabreados que queren unha alternativa. Ofrecemos unha alternativa seria, solvente, porque demostramos que somos unha forza xenerosa, leal… Nós imos poñer todo da nosa parte para conformar realmente un goberno de futuro para un tempo novo, alternativo ao Partido Popular”, finalizou.
“Rachar co muro do PP”
Pola súa parte, a candidata Susana Camba, afirmou que "é preciso que o nacionalismo galego e de esquerdas que representa o BNG conte cunha representación forte e numerosa a partir do 25-S, xa que só así poderemos asegurar que moitas das demandas das e dos estradenses sexan unha realidade".
Susana Camba citou algunhas das demandas canalizadas polo BNG nos últimos catro anos: a construción dun verdadeiro centro de día, a Cidade do Moble, a recuperación da torre e o pazo de Guimarei, a declaración BIC da ponte medieval de Pontevea, ou a mellora da praia fluvial de Barcala, entre outras cuestións. "Moitas destas iniciativas que trasladamos nos últimos catro anos atopáronse coa negativa ou co manto de silencio que estende o PP sobre cuestións de calado e importantes para o noso concello, por iso o 25-S -engadiu Susana- temos que rachar o muro do PP que impide que A Estrada e Galiza avancen no seu benestar económico e social, e o nacionalismo é a mellor ferramenta para rachar con ese muro, a forza coa que se bata contra ese muro depende das galegas e dos galegos o 25 de setembro".