parlamento galego

Luís Bará tacha de “burla ao Parlamento” o obstrucionismo do Goberno do PP ao labor dos deputados e das deputadas

Luís Bará
Luís Bará

O BNG agarda dende hai tres anos a que Infraestruturas remita a documentación requirida sobre o contrato de asistencia para a xestión do Plan de Transporte

Denuncia que a falta de transparencia e a denegación de información son unha “forma de proceder habitual” que “non cumpre o estándar mínimo de seriedade”  

O deputado do BNG Luís Bará cualificou de “burla ao Parlamento e unha auténtica tomadura de pelo” a “obstrución” reiterada do Goberno do PP ao traballo dos deputados e deputadas, aos que nega a información requirida ou, noutros casos, da unha “simulación de resposta que non cumpre os mínimos estándares de seriedade e de respecto á Cámara”.

Bará fixo esta denuncia na Comisión 1ª, no transcurso dunha interpelación á Consellería de Infraestruturas pola súa negativa a remitir ao BNG a información sobre o servizo de asistencia técnica para o seguimento e xestión do Plan de Transporte Público de Galiza, unha documentación que foi xa solicitada hai tres anos. Na única “non resposta” que o BNG obtivo até o de agora, a Xunta do PP remítelle á plataforma de contratos, onde non se atopa a documentación sobre seguimento e cumprimento do contrato en cuestión, que foi adxudicado por 5,5 millóns de euros, subliñou.

O deputado xa anunciou que o BNG esgotará a vía parlamentaria pero está disposto a a tomar “medidas de outro tipo” para ter acceso á documentación, que afecta a unha empresa que, dixo, tense convertido “nunha especie de Dirección Xeral de Mobilidade bis” e fai traballos que “en boa parte correspondería facer aos funcionarios da Administración”. “Falamos dunha empresa que ten certo privilexio e dominio na Consellería de Infraestruturas”, agregou.

“Non cuestionamos a adxudicación do contrato”, matizou Bará, que explicou que o que o BNG quere saber é como se está a desenvolver o traballo da empresa no que atinxe, por exemplo, a xestión dos contratos do transporte, o seguimento da explotación, a xestión dos pagamentos, a xestión de información e reclamacións ou a solucións tecnolóxicas.   

O “escurantismo” sobre o seu labor apunta a un “ocultación deliberada” nunha Consellería que xa está “baixo sospeita, acurralada por un cúmulo de irregularidades” como demostran, destacou Bará, o informe do Consello de Contas que pon en cuestión a xestión do plan de transporte público ou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula ata oito contratos de transporte por estrada.

O deputado nacionalista lembrou á secretaria xeral técnica de Infraestruturas, María Pilar Arias Graña, encargada de responder na Comisión, que entre as funcións dos deputados e deputadas están a fiscalización e o control ao goberno e, ante as queixas pola cantidade de documentación requirida, considerou “obvio” que se o BNG presenta nesta lexislatura máis solicitudes e preguntas ao Goberno é porque pasou de 6 a 19 deputados.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG