O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará asistiu hoxe á manifestación do 8M en Pontevedra como forma de apoio ás reivindicacións do feminismo galego. Alí subliñou que sería un “logro histórico” para as mulleres que Ana Pontón sexa a presidenta de Galiza “porque ten un inequívoco compromiso feminista, porque é unha loitadora pola igualdade e porque vai situar os dereitos e as demandas das mulleres no primeiro plano para facer de Galiza unha sociedade avanzada en materia de igualdade e xustiza social”.
Segundo destacou Bará, “o feminismo é un movemento imparábel, unha revolución social, ideolóxica e mental que vai transformar o mundo”. “Engadiu que “a pesar da resistencia e da reacción machista, é un movemento que non ten volta atrás e que vai traer moitos beneficios non só para as mulleres, senón para o conxunto da sociedade”.
Segundo a súa visión, as demandas do feminismo obrigan a unha mudanza cultural e mental para os homes, “que estamos na obriga de renunciar a privilexios e vantaxes no laboral, no social, no político e no ámbito privado, asumindo as obrigas da corresponsabilidade e do reparto equitativo dos tempos”.