O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 12X Luís Bará, avogou hoxe en Caldas de Reis por potenciar o río Umia como a columna vertebral, o elemento central, dun grande proxecto de revitalización da comarca de Caldas que permita poñer en valor os seus grandes valores e atractivos no patrimonio histórico, no natural, no cultural e no termal. Para desenvolver esas potencialidades o nacionalista propuxo a elaboración dun plan de recuperación e rexeneración en colaboración coa Universidade de Santiago e os concellos da conca.
Bará destacou que o BNG aposta decididamente polos ríos e humedais como fontes de biodiversidade e tamén para usos de lecer, abastecemento de auga e produtivos. Por iso sinalou que dende o goberno galego, despois do cambio que se producirá o 12X, traballará coa vista posta na rexeneración do Umia. Destacou que o primeiro paso será un estudo sobre as fórmulas para a eliminación do encoro, que é o primeiro problema ambiental que ten neste momento o río.
“Para nós o Umia é a columna vertebral dun grande proxecto de revitalización da comarca de Caldas. Queremos facer do Umia un novo Arnoia como fixo o BNG en Allariz”, destacou o candidato, para subliñar que é preciso acabar cunha vila que vive de costas ao río e convertela nunha vila “que viva ao seu arredor e abraza ao seu río, que recupera a calidade das súas augas e mellora a riqueza e a diversidade biolóxica, e que rexenera espazos públicos nas beiras do río dándolle novos usos: queremos converter o Umia no auténtico corazón da vila de Caldas”, sentenciou.
O candidato recoñeceu que se trata dun proxecto ambicioso, que é posible con fondos europeos e tamén en colaboración coa Deputación e os concellos “e que servirá para salvar unha débeda da Xunta co Umia e as vilas da súa contorna”. Neste sentido, criticou “as desastrosas políticas ambientais” do Partido Popular en materia de ríos, en concreto a mala situación do río Umia, debida principalmente á construción do encoro da Baxe e tamén a outras agresións “que converteron o que era un río vivo nun río tóxico, que está na UCI con graves patoloxías”.
Esta situación de dano que vive o río, lembrou Bará, está causando preocupantes consecuencias para a saúde pública pola contaminación da auga, e tamén para o ecosistema pola perda de biodiversidade, o que ao mesmo tempo está levando á restrición de actividades recreativas e de lecer como a prohibición do baño no río durante longas tempadas. Tamén no treito urbano se pode comprobar a proliferación de plantas invasoras sen que por parte da Xunta de Galiza, de Augas de Galiza se fixese nada nestes anos, insistiu o nacionalista.
Bará realizou estas declaracións hoxe co gallo dunha visita a Caldas de Reis na que mantivo un encontro co portavoz municipal Manuel Fariña, así como con outros membros da formación nacionalista da comarca. O propio Fariña destacou que “a Xunta do PP non cumpriu absolutamente ningún dos seus compromisos co Umia e con Caldas. Roubáronnos un río san e cheo de vida e convertérono nun sumidoiro de augas tóxicas, un auténtico perigo que priva ás veciñas e veciños de Caldas do seu dereito a gozalo. Dende o BNG apostamos pola recuperación do Umia e despois do 12X, cando se produza o cambio galego que precisa este país, comprobarase que se hai vontade política pódese traballar para recuperalo”.