Galegas 2020

Luís Bará propón a creación dunha Mesa da Sidra e implantación dun Selo de Calidade como fórmula de potenciación do sector

A Estrada
A Estrada

O cabeza de lista visitou un lagar tradicional en A Estrada, onde destacou o potencial das plantacións ecolóxicas e das variedades autóctonas

Avogou por unha alianza de país para devolver a vida ao rural

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, propuxo hoxe en A Estrada a creación dunha Mesa da Sidra e a implantación dun selo de calidade como fórmula de potenciación do sector. O nacionalista así o indicou hoxe nun encontro coa Asociación de Sidreiros nun dos lagares tradicionais da zona, onde tamén destacou que Galiza, grazas a zonas como A Estrada, é a primeira produtora estatal de mazá sidreira.

Segundo comprobou o cabeza de cartel na visita de hoxe, onde estivo acompañado da tamén candidata Susana Camba e doutros cargos orgánicos e institucionais (Raquel López, Víctor Pousadas e Xosé Nogueira), estase a producir unha grande expansión da produción, que cualificou como “espectacular”, e na que segundo dixo aínda hai un campo de crecemento importante tanto nas plantacións ecolóxicas como das variedades autóctonas. Por iso subliñou que o BGN vai apostar, co sector e con todos os axentes implicados, por un plan de desenvolvemento destas plantacións. “Galiza ten aínda moita capacidade de crecemento”, dixo, apuntando tamén a necesidade de buscar sinerxias co turismo, plantexando a sidra como un produto atractivo cunha cultura e unha tradición –a dos lagares- que vén de séculos atrás e que ten moito tirón internacional.

A Estrada Ademais, o cabeza de cartel, puxo sobre a mesa a necesidade de potenciar cuestións estruturais en materia de servizos e infraestruturas para poder competir en pé de igualdade. De feito, subliñou que algúns dos produtores sidreiros da zona de A Estrada están sufrindo como un contratempo importante a fenda dixital ao querer desenvolver exportacións ao estranxeiro.

Aparte das propostas concretas para o sector da sidra, Bará sinalou a necesidade dunha alianza social e institucional por un rural vivo e con futuro, un plan de país no que estean os sectores produtivos, os concellos, as organizacións sindicais e representativas do agro, e o goberno galego para marcar as liñas de futuro que permitan desenvolver todo o potencial que ten o rural non só no sector primario, senón tamén noutros sectores que poden ser complementarios ou incluso centrais no desenvolvemento local.

Con respecto ás producións agrogandeiras destacou que as claves están na mobilización de superficie agraria, desenvolvendo instrumentos para poñer a producir terras que agora están abandonadas ou que foron transformadas para outras plantacións como as forestais.

En segundo lugar citou a diversificación e especialización produtiva cun selo de calidade como pode ser no caso da sidra para axudar á comercialización e á produción e á proxección e da calidade dos produtos galegos, que dixo “é incuestionable”.

Finalmente, Bará salientou que hai que facer unha aposta decidida pola agricultura sustentable, que é o futuro, e dentro deste proxecto, un novo plan de agricultura ecolóxica que multiplique as terras e a produción neste ámbito cada vez máis demandado no mercado. Tamén subliñou a necesidade de fomentar o relevo xeneracional coa mocidade no traballo agrogandeiro e o desafío da innovación para gañar a través da transformación valor engadido dos produtos do agro.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG