“A cultura deste país precisa unha oportunidade e imos darlla da man dun goberno do BNG despois do 12X”. Baixo esa premisa presentou hoxe Luís Bará, o cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, as propostas do programa nacionalista nun encontro cunha representación das industrias culturais e creadores e creadoras da cidade do Lérez, ante os que comprometeu “un goberno galego que traballe a favor e abra un tempo novo para poñer fin aos once anos do Partido Popular nos que se desenvolveu un programa de demolición”.
Segundo dixo Bará, o goberno do BNG apostará pola cultura galega por ter un grande valor social e tamén unha importante dimensión económica. Unha das principais medidas que puxo sobre a mesa é a posta en marcha dun Fondo de Fomento da Creación Cultural, cunha dotación económica vencellada ao Fondo Cultural Galego, previsto no Estatuto de Autonomía (que nunca se desenvolveu) e creado mediante unha Lei no Parlamento. Subliñou que a súa finalidade principal será o fomento da creación cultural, co apoio a eventos culturais con incidencia no territorio e a conservación e promoción do patrimonio cultural. “En Galiza o tecido cultural, a cultura de base e os seus sectores profesionais son imparables. A cultura galega pode chegar a todo o mundo con orgullo, calidade, e dignidade”, dixo.
Outra iniciativa a desenvolver, destacou o cabeza de cartel, é un selo ‘Creatividade Galega’ como unha marca de denominación de orixe de calidade no sector do libro, a música ou as artes plásticas. “Prevemos a mobilización de 10 millóns de euros de inicio e de 20 millóns de euros na lexislatura para o apoio á creación, que é o inicio de todo o proceso cultural, e por tanto fundamental para o seu desenvolvemento”, insistiu. Esta inxección económica dividirase na posta en marcha de tres programas: bolsas para creadores noveis, axudas á creación e ao talento, así como á programación de residencias artísticas, literarias e de intercambio cultural.
Bará apuntou, así mesmo, que o BNG propón a creación dunha Consellería de Cultura ‘per se’ cun orzamento que supere o 0,8% que ten actualmente e con plans estratéxicos de apoio e reactivación para a cultura de base e para os sectores profesionais das letras e das artes escénicas da danza, música, audiovisual e as artes visuais. O nacionalista puxo tamén sobre a mesa a necesidade da creación dun novo departamento de cooperación cultural para mellorar a colaboración coas asociacións e coas administracións locais, traballando na promoción e na proxección de iniciativas locais e comarcais como festivais de música e de teatro, literatura ou audiovisual.
Así mesmo, Bará citou a posta en marcha do bono cultura para estimular o consumo con campañas de captación de públicos e promoción da cultura galega onde debe xogar un papel fundamental a televisión e a radio pública. Salientou tamén a creación dunha liña de crédito especial de Agadic e IGAPE para pemes e profesionais e autónomos. Falou tamén da creación dun Fondo Social Galego, así como do Estatuto do Artista para ter cobertura social.
O cabeza de lista tamén lanzou propostas concretas para facer fronte á crise provocada pola COVID-19 que levou á paralización inmediata para moitos sectores e profesionais da cultura, que viron como a programación para este verán se cancelou totalmente. A primeira das tres medidas concretas que nomeou foi a concesión de axudas directas a autónomos do ámbito da cultura como se aprobaron en practicamente todas as comunidades do estado agás en Galiza, “onde temos un goberno desaparecido e escapista”. Tamén sinalou a posibilidade de axudas específicas como as postas en marcha en Cataluña e subliñou a importancia de que as administracións aposten pola cultura de quilómetro cero e de proximidade nun momento tan difícil.
Como resumo, Bará asegurou que a proposta do BNG baséase en declarar a cultura como ben de primeira necesidade, non en modo retórico, senón con medidas concretas como aconteceu en Francia e Alemaña, xa que o sector supón en Galiza un 2,5% do PIB e o 3% do emprego. “Merece un apoio decidido dun goberno que crea e que defenda a cultura galega no noso territorio e tamén a súa proxección internacional”, finalizou.
“A cultura deste país necesita unha oportunidade e terémola tras o 12X cun Goberno liderado polo BNG da man de Ana Pontón que permita empezar a construír o que se destruíu ao longo de once anos de demolición da cultura e da lingua, cun Feixóo que aplica políticas en contra dos nosos creadores e creadoras e en contra do idioma do país”, salientou.