O deputado do BNG, Luís Bará afirma que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás protexe o seu contido e continente.
O parlamentario considera que esta condición debe garantir a integridade de todos os bens e reclama a inmobilización “cautelar” das estatuas do Mestre Mateo por estar en dúbida a súa titularidade no ámbito xudicial.
O BNG tamén propón investigar os bens que foron froito do espolio perpetrado durante o franquismo ou sobre os que existan dubidas da súa titularidade, bens que deben ser devoltos aos seus lexítimos propietarios como as pías bautismais medievais de Moraime, propiedade do concello de Muxía, as ánforas romanas propiedade do concello da Coruña ou elementos espoliados no Pazo de Dodro.
Finalmente, o deputado reclama eliminar do Pazo de Meirás todo o relacionado coa exaltación da figura do ditador e da ditadura para evitar que o Pazo de Meirás sexa “un museo dos horrores franquistas”.