O deputado do BNG, Luís Bará reprocha á consellería de Infraestruturas, “unha xestión de absoluto desbaraxuste, descoordinación e descontrol” sobre o transporte e o sistema utilizado pola Xunta para a construción das autovías.
No debate da proposición non de lei sobre os acordos coas empresas concesionarias das autovías do Salnés, Barbanza e Celanova, o nacionalista fixo referencia aos dous informes, “demoledores” do Consello de Contas relativos á inspección do transporte e sistema utilizado pola Xunta para a construción das autovías, ao que sumou diferentes sentenzas xudiciais contra o irregular reparto ás concesionarias. Para o nacionalista, as sentenza e os informes resultan causas suficientes para que a “cúpula” da consellería e Ethel Vázquez “dimitan”.
O informe do Consello de Contas, explicou o deputado do BNG confirma que o reparto do transporte favoreceu o monopolio de dúas empresas e prexudicou ás pequenas e medianas empresas galegas. Ademais, agregou que o ingreso do canon que debían pagar as empresas non foi satisfeito até que a auditoría do propio Consello de Contas detectou o retraso de máis dun ano.
Aos informes do Consello de Contas, Luís Bará sumou o “tsunami” xudicial ao Partido popular pola mala xestión do transporte, por contratos fraudulentos e porque o Tribunal Supremo considera que á Xunta permitiu o reparto do mercado entre dúas empresas. Nesta liña lembrou que as sentenzas provocaron a “anulación de 8 contratos adxudicados pola Xunta de Galiza á empresa Monbus” porque a licitación permitía que estas empresas accederana 8 concesións e Monbus, en forma de UTes chegou a adquirir 39 lotes. Na súa opinión, é normal que este proceder provoque “unha avalancha de sentenzas”.
Dimisión de Ethel Váquez e dos responsables das irregularidades
O deputado advertiu que estamos ante “a punta do iceberg” e haberá “unha morea de sentenzas” porque están investigados, pola vía penal, “a plana maior” da Dirección Xeral da Xunta en materia de contratación. Por todas estas irregularidades , reiterou o nacionalista, o lóxico sería “a dimisión dos principais responsables e a propia conselleira, Ethel Vázquez”.
Por outra banda, tamén denunciou o sistema de construción das autovías convertido “en colaboración pública para o enriquecemento de empresas privadas”. Este sistema público-privado foi creado polo goberno de Manuel Fraga e o conselleiro de Obras públicas, Alberto Núñez Feijóo, responsable de licitar a maior parte dos contratos dos que dous deles se licitaron antes das eleccións do ano 2005, a autovía do Salnés e Santiago-Brión.
Ademais, afirmou Bará, Feijóo tamén deixou licitada a autovía do Barbanza, utilizando de maneira reiterada este sistema para chegar ao “auténtico cambalache da autovía da Costa da Morte ou o hospital de Vigo”. O Consello de Contas é claro nas súas conclusións cando afirma que este sistema “é moi custoso” e non resulta “eficiente”.
Na súa intervención, Bará aludiu á memoria da Axencia Galega de Infraestruturas do ano 2023 cunha débeda de1.700milóns de euros “por pago aprazado do sistema” dos que 1.223 M€ corresponden ao pago das autovías polo sistema de construción público-privada, e dicir, “cada ano nos orzamentos da Xunta para o 2024 existe unha partida de 85,4 Millóns de euros para este pago aprazado”, explicou.
Para o deputado, hai un problema maior cando a propia Xunta “mudou as regras do xogo” a través da lei de acompañamento no ano 2014, con Ethel Vázquez como directora da Axencia Galega de Infraestruturas para modificar as condicións das adxudicación e favorecer “descaradamente ás empresas”. O informe do Consello de Contas recomenda á Xunta que “revise este acordo para limitar os pagamentos a cantidades indispensables asegurando a viabilidade financeira dos contratos”, aforrando 44 millóns de euros e contra o incremento de máis de 200 millóns de euros para as empresas derivado da renegociación da Xunta.
Bará concluíu a súa intervención preguntando ao Partido popular de que lado quere colocarse, “na defensa das arcas públicas e interese xeral ou das empresas concesionarias para que se enriquezan moito máis”.
Os votos en contra do Partido popular impediron que prospera a proposición non de lei defendida polo deputado, Luís Bará.