“O 18 de febreiro só hai dúas alternativas: un goberno con Rueda como presidente, que nos deixa un país en retroceso, peor do que encontrou, ou unha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha a mellor Galiza, esa é a escolla”. Esa foi a alternativa que o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, deixou clara no seu mitin de precampaña hoxe en Barro.
Acompañado da senadora Carme da Silva, do alcalde Fernández Abraldes e da pintora e veciña Aroa Outón, o nacionalista fixo unha chamada á mobilización e á concentración “das ganas de cambio” no Bloque, dúas claves necesarias para facer historia o 18-F: mobilización masiva e o conseguir que nin un só voto do cambio se perda. “O cambio galego é imparable e está ao alcance das nosas mans”, proclamou.
Explicou Bará que as eleccións do 18-F non son nin unha “reválida” de Sánchez nin un “premio de consolación” para Feijóo, senón que “van de Galiza, de facernos valer cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, ao servizo da xente do país”, insistiu.
Neste sentido, destacou que con Ana Pontón á fronte da Xunta daráselle pulo a proxectos estratéxicos para o concello de Barro que ata agora están aparcados, como o polígono industrial, a mellora da sanidade ou as infraestruturas, en relación á reforma da estrada de Vilagarcía.
Pola súa banda, a senadora Carme da Silva, subliñou que “é o momento de ter unha persoa á fronte capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande, facendo historia cunha muller presidenta”. Lembrou que en 43 anos houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais que non conseguiron poñer Galiza no lugar que lle corresponde, “por iso penso que o país vai saír gañando cunha presidenta, porque o Bloque é a única forza que ten un proxecto solvente para gobernar desde o rigor e o realismo, desde a ambición e coa capacidade para transformar en positivo”, recalcou.
PO-531 e depuradora
O alcalde de Barro Xosé Manuel Fernández Abraldes asegurou tamén que ter unha presidenta nacionalista a partir do vindeiro 18F será fundamental para desenvolver todas as potencialidades de Galiza. Matizou, en calquera caso, que o cambio será importante para o país, pero tamén para os concellos, “que precisan dunha Xunta de Galiza que os atenda por igual facendo un reparto equitativo dos seus fondos e que non os cargue con competencias que non lles corresponden”, criticou.
Salientou que para o Concello de Barro “non será indiferente” quen estea no goberno galego. “Se lidera Ana Pontón desatascaranse os proxectos de reforma da PO.531 que dende hai anos está paralizado. No ano 2020 antes das eleccións prometeron investimentos nesta estrada autonómica e nestes catro anos non se fixo nada. Con Ana Pontón de presidenta retomarase o proxecto e faranse investimentos para darlle máis seguridade a todas as veciñas e veciñas que viven na contorna da estrada e todas as persoas que por ela circulan”, explicou, para engadir que tamén será importante o apoio para a construción dunha nova depuradora co obxectivo de conseguir un saneamento integral do concello. Apoio a proxectos estratéxicos para Barro.
Por último, interveu tamén Aroa Outón Regueiro, pintora natural de Barro que dixo, “como milleiros de galegos e galegas”, quere un cambio como o que xa viviu o concello da man de Martínez Abraldes na Alcaldía. Salientou que xunto ao seu equipo, o rexedor nacionalista “tivo a oportunidade de demostrar que estaban listos para gobernar e arrincar a Barro das fouces arcaicas e caciquís tras anos nas mans do Partido Popular onde os intereses dos habitantes eran de nula relevancia”.
“Chegou o momento no que se dixo basta, no que os veciños e veciñas unidos decidiron dar a oportunidade á evolución e ao avance; e que por hoxe, nos leva acompañando oito anos. E ese camiño é o que lle desexo a Ana Pontón este 18 de febreiro. Que como en Barro, despois dunha longa temporada baixo a sombra do Partido Popular, se demostre que Galiza ten que estar liderada por un goberno con conciencia, que aposte pola tradición, pola terra, polo rural, pola cultura, pola igualdade e en definitiva polo que somos, nós, galegos e galegas”, sentenciou.