Jorquera pide que se restitúa até o último céntimo ás persoas estafadas polas preferentes

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, asegurou hoxe que a solución para os miles de afectados pola fraude das preferentes “que debe pasar pola restitución íntegra dos seus aforros, é unha cuestión de vontade política, porque se o Goberno lle entregou 23.5000 de fondos públicos a Bankia para saneala, tamén pode solucionar este corralito que afecta a case 100.000 galegos e galegas”.

Jorquera fixo estas declaracións esta mañá na Coruña a onde acudiu xunto a outros representantes do BNG para apoiar a multitudinaria manifestación convocada polas distintas plataformas galegas de afectados pola fraude das particións preferentes.

En declaracións aos medios, o candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou que “se desaproveitara esta segunda reforma financeira do Goberno de Rajouy, aprobada esta semana no Congreso cos votos en contra do BNG para solucionar a estafa das preferentes, que afecta a miles de persoas, só unhas 100.000 en Galiza, e pasa por restituír integramente as cantidades a estes pequenos aforradores”.

“Igual que o de Bankia, o Goberno pode solucionar esta estafa”

Neste sentido, demandou que “igual que á banca se lle esixen provisións para cubrir os activos tóxicos, tamén se lle poden esixir provisións para devolver o diñeiro das participacións preferentes depositado por estes pequenos aforradores, que as subscribiron froito dun engano”.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta demanda que, xunto a actuación da Fiscalía Xeral do Estado, “se cree tamén comisións de investigación no Congreso e no Parlamento Galego para depurar responsabilidades legais e políticas”

“Estamos asistindo a como se asignan preto de 23.500 millóns de euros para sanear Bankia, para unha vez saneada devolvela ao sector privado, e polo tanto hai recursos e se hai vontade política pódese solucionar este problema” subliñou.

“Hai que depurar responsabilidades mediante unha comisión de investigación”

Ademais, Francisco Jorquera reclamou que “tamén hai que depurar responsabilidades non só a través da Fiscalía Xeral do Estado senón tamén a través de comisións de investigacións tanto no Congreso como no Parlamento Galego, nas que deben comparecer os xestores das entidades de aforro, tamén os responsábeis políticos que tiñan como misión supervisar as súa prácticas, para depurar responsabilidades non só de tipo legal senón tamén de tipo política”.

O BNG demanda cambios para que isto non volva suceder

Por último, o candidato do BNG reclamou cambios para que esta fraude non volva suceder. En concreto, demandou modificar a lexislación para prohibir este tipo de produtos financeiros complexos, “totalmente desaconsellados para comercializalos no mercado minorista”. A este respeito, lembrou que “na etapa de Aznar fíxose unha modificación legal que permitiu a emisión deste tipo de produtos financeiros”.

Tamén advertiu de que “se algo nos ensina a crise financeira é que é froito, entre outras razóns, da falta dunha tutela pública efectiva sobre as prácticas do sector financeiro”. Por iso, reclamou “reforzar o control público para que o sector financeiro cumpra a súa función de financiar a economía produtiva e rematar coas prácticas especulativas, que no caso das preferentes, os pequenos aforradores foron vítima dun auténtico corralito”.

http://youtu.be/ooNzblm5d8g

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG