O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou hoxe a Feijoo a que lle pida aos deputados galegos do PP no Congreso que voten en contra do decreto aprobado o venres polo Goberno de Rajoy que impón que os miles de galegos afectados polas preferentes teñan que perder até o 70% dos seus aforros.
Francisco Jorquera fixo estas declaracións esta mañá en Salceda de Caselas, onde asistiu á Festa dos Callos. Canda el estiveron o alcalde da localidade, Marcos Besada, así como outros alcaldes do BNG, como a de Tomiño, Castrelo de Miño, portavoces municipais do BNG e os deputados Henrique Viéitez e Carme Adán.
Críticas á carga policial contra os afectados polas preferentes en Soutomaior
Jorquera contrapuxo que se o señor Feijoo dixo onte en Soutomaior que Galiza non lle fallará ao PP, eu digo hoxe que o BNG non lle fallará a Galiza, porque a sociedade galega o que reclama é forzas políticas que poñan por diante os intereses da sociedade, de Galiza, antes que os intereses de partido.
Neste sentido, subliñou que nas participacións preferentes temos un exemplo: ao mesmo tempo que Feijoo facía estas manifestacións a policía cargaba contra as vítimas desta estafa masiva.
Uns feitos que para o candidato do BNG á presidencia da Xunta corroboran unha vez máis que o señor Feijóo neste tema de novo mira para outro lado, de novo actúa máis como un comentarista antes que como un gobernante, pretendendo eludir as súas responsabilidades.
Jorquera denunciou que o Goberno central o venres aprobou un decreto que significa legalizar unha dobre expropiación a todos os contribuíntes que terán que pagar con recursos públicos o saneamento da banca privada en forma de novos e brutais recortes; e a expropiación aos pequenos aforradores que foron vítimas da estafa masiva que se chama participacións preferentes e que ven co Decreto aprobado o venres ue poden perder até o 70% do diñeiro invertido.
Emprazamento aos deputados galegos do PP a que voten en contra no Congreso
A este respeito, o candidato do BNG á presidencia da Xunta emprazou ao señor Feijóo a que defenda os intereses da sociedade galega, das ducias de miles de pequenos aforradores que en Galiza foron enganados á hora de subscribir este produto.
Por iso, demándolle que inste ao Goberno Central a que derogue este decreto e que os deputados galegos do PP no Congreso, incluído o señor Collarte, voten en contra deste decreto, como fará o BNG, porque o BNG sempre pon por diante os intereses de Galiza, concluíu Jorquera.