O Bloque Nacionalista Galego traslada as numerosas iniciativas rexistradas na cámara baixa e na cámara galega sobre o proxecto do Polígono Industrial da Tarroeira, no concello de Pontecesures, á veciñanza da localidade e a súa posición de desacordo coa localización escollida pola Xunta de Galiza para implantar a actividade industrial. A frente nacionalista apoia, entre outros argumentos, a súa posición en contra no informe negativo emitido polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que bota abaixo a situación elixida pola Administración galega. Así mesmo, defende preservar os usos propios da zona e buscar outros terreos para asentar a actividade industrial.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o deputado da formación no Parlamento de Galiza, Luis Bará, e a candidata do BNG á alcaldía de Pontecesures, Maite Tocino, manteñen unha reunión coa veciñanza do concello para trasladar as iniciativas rexistradas sobre o proxecto do Polígono Industrial da Tarroeira. A organización nacionalista, a través dos seus representantes nas diferentes institucións, levou a cabo multitude de iniciativas: no Congreso, a través de preguntas e solicitudes de informes, ou no Parlamento da Galiza, con solicitude de informes á Augas de Galiza, a Medio Ambiente ou a Medio Rural, entre outras institucións.
“No BNG entendemos que a localización escollida pola Xunta de Galiza para a construción deste polígono industrial non é a idónea. De facto, parécenos unha auténtica aberración porque estamos a falar dunha zona de expansión do espazo natural, urbano e de lecer do concello de Pontecesures” explica a candidata do BNG á alcaldía. Maite Tocino engade que estes terreos se atopan moi próximos a unha zona habitada e a carón da fronteira co concello de Valga con equipamentos públicos como o colexio, o instituto, unha zona deportiva e o propio centro de saúde.
Alén disto, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza explicou que os terreos, onde a Xunta ten previsto desenvolver a actividade industrial, son inundábeis. “Solicitamos á Augas de Galiza informes neste sentido, sen conseguir ningún tipo de información, mais sabemos pola tradición de uso agrario que parte dos terreos son inundábeis” asevera Luis Bará.
“Tamén existirían problemas asociados co incremento da mobilidade, sobre todo polo tránsito de vehículos pesados. Está previsto desenvolver un polígono con características industriais, polo tanto, actividades molestas e perigosas” apunta o deputado no Parlamento de Galiza.
En opinión do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, este proxecto industrial proposto pola Xunta de Galiza é inviábel a día de hoxe e nos terreos previstos. “Máis cando existe un documento -solicitado polo BNG no Congreso- do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, informando negativamente sobre o proxecto” explica Rego.
“O informe negativo do Ministerio -perceptivo e vinculante- bota abaixo o proxecto previsto pola Xunta de Galiza. Faino inviábel” asegura. “O lóxico é desbotar esta proposta do Plan de Interese Autonómico e buscar outros terreos, que existen na contorna, cun menor impacto social, e dotalos dese uso industrial” afirma o deputado do BNG na cámara baixa mentres incide na necesidade de “preservar os usos propios desa zona e buscar outros terreos”.