A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, trasladaron ao comité de empresa de ALCOA que teñen ao BNG detrás para loitar pola continuidade da factoría da Coruña. Ademais de instar a unha participación masiva na manifestación deste sábado, o Bloque pide a comparecencia urxente do Goberno no Parlamento para acordar unha posición de país.
“Nin A Coruña, nin Galiza poden permitirse unha nova sangría no sector industrial, porque estamos falando de 400 postos de traballo e tamén dun sector estratéxico para a economía do país, e non imos permitir que unha multinacional ou os intereses das eléctricas poñan en risco centos de empregos e o futuro do país”, salientou Pontón, tras cualificar de “disparatado” o marco normativo enerxético no Estado.
Pontón tamén deixo claro que este asunto ten solución se hai vontade política. “A solución é política, depende da política que a factoría siga producindo e xerando emprego no país”, indicou a líder do Bloque, “por iso urxe que o Goberno da Xunta compareza no Parlamento para ter unha posición de país e mandarlle a mensaxe a ALCOA de que usaremos todos os mecanismos institucionais para evitar que peche alegremente despois de espremer os nosos recursos”.
Pontón chamou a atención sobre o feito de que nun país exportador neto de electricidade podan perderse 400 postos de traballo polo custe enerxético.
“É indignante que vivindo nunha Galiza que produce electricidade a esgalla teñamos a empresas en risco polo prezo da factura eléctrica e que iso se produza mentres vemos como Euskadi acaba de blindar a tarifa eléctrica vasca, -euskopeaxe-, que lle permite as súas empresas aforrar 120 M€ anuais e ser máis competitivas. Por iso é inconcibible que se siga vetando unha tarifa eléctrica galega que dea estabilidade a sectores estratéxicos”, argumentou.
Con todo, o urxente, -indicou-, é conseguir que a multinacional retire o ERE de extinción que ten enriba da mesa e elimine a ameaza real de peche, “por iso facemos un chamamento a participar masivamente na manifestación porque é importante que ALCOA e os diferentes gobernos sintan que hai un sociedade implicada en evitar o peche da fábrica e salvagardar os postos de traballos”.
A Coruña, máximo consenso político e social
Pola súa parte o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, salientou que para a cidade “é básico non renunciar ao seu sector industrial porque é estratéxico para a cidade e a súa comarca”.
Un sector minguado despois de que empresas que foron emblemáticas na cidade pechasen ou acabaran en mans foráneas, -Fenosa, R, Banco Pastor, Caixa Galicia-, “e agora non pode pecharse Alcoa que foi motor dese desenvolvemento industrial e que foi unha empresa pública durante décadas”.
“A nivel local, desde o BNG procuraremos o máximo consenso entre todas as forzas políticas e axentes sociais para evitar o peche desta factoría, porque nos xogamos o futuro dunha comarca que debe aspirar a ser motor económico de Galiza e ten no sector industrial un sector estratéxico ao que non pode renunciar”, concluíu Jorquera, tras unha reunión co comité de empresa da factoría ao que tamén asistiu o deputada pola Coruña, Xosé Luís Rivas, e o responsable local, Manuel Méndez.