O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, valorou hoxe como positivo o anuncio da Fiscalía de inicio dunha actuación pola fraude das participacións preferentes pois o que non pode ser é que os responsábeis deste desastre financeiro se vaian de rositas.
Guillerme fixo estas declaracións esta mañá en Lugo antes de participar nun acto de presentación da proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega, unha reunión na que participaron destacados representantes da vida económica e social da cidade e no que, entre outros interviñeron Guillerme, o profesor de Economía Aplicada da USC, Bernardo Valdês, e o tenente de alcalde de Lugo, o nacionalista Antón Bao.
Fraude das preferentes: O poder político non pode mirar para outro lado
A preguntas dos xornalistas sobre a actuación da Fiscalía en relación á fraude das participacións preferentes, Guillerme salientou que cando o BNG introduce o concepto de banca pública galega tamén falamos dunha banca cunha nova ética, que non permita situacións como a estafa das participacións preferentes, que están a sufrir miles e miles de persoas en Galiza.
Neste sentido, lembrou que a posición do BNG é que hai que darlle unha solución política a esta fraude, e que a xente ten dereito a recuperar íntegramente o que lexitimamente é deles.
A partires de aí -asegurou- a actuación da fiscalía parécenos positiva, porque houbo un engano masivo a miles de cidadáns e alguén terá que pagar por esas responsabilidades.
Guillerme advertiu que o que no podemos é seguir cunha situación alarmante na que os responsábeis deste desastre financeiro vanse de rositas sen asumir ningunha responsabilidade. E reafirmou que as participacións preferentes foron unha estafa e o poder político non pode mirar para outro lado.
Banca Pública Galega: Os fondos públicos que se lle dan á banca privada non resolven nada
Sobre o contido do acto desta mañá, Guillerme amosouse convencido de que é máis que evidente para calquera de nós que a actual banca privada é incapaz de responder ás necesidades que ten a nosa economía produtiva, porque neste momento claramente hai unha clara falta de crédito para empresas e familias.
Ademais, salientou que tamén é evidente que Galiza está a perder todos os instrumentos financeiros cos que contaba e os refugallos das caixas de aforros están en disposición de ser vendidas a prezo de saldo.
Por iso, explicou que o BNG plantexa alternativas para o financiamento da economía galega a través da nosa proposta de creación da Banca Pública Galega, nun momento ademais no que os fondos públicos seguen destinándose a tapar os buratos da banca privada para que o final nada se resolva, pois o crédito segue sen fluír.
Neste sentido, Guillerme defendeu que a posición lóxica é que utilicemos os fondos públicos para a creación da banca pública galega, unha banca vinculada ao noso territorio, con centro de decisión en Galiza e que teña por obxectivo último non só o beneficio, que naturalmente tería que ser rendíbel, senón a función social.
O que non podemos -advertiu- é seguir por unha vía fracasada como son as políticas do goberno de Zapatero, agora o de Rajoy e tamén as de Feijoo.
Guillerme subliñou que esta proposta do BNG está a despertar gran aceptación por parte dos axentes económicos e sociais de Galiza.
As declaracións de Esperanza Aguirre representan o españolismo rancio que non desapareceu
Por último, a preguntas dos xornalistas sobre as polémicas palabras da presidenta da Comunidade de Madrid en relación ao vindeiro partido da Copa do Rei, o portavoz nacional do BNG dixo que non deixan de ser a expresión do máis rancio españolismo, dese españolismo de caspa e pandeireta.
Alguén dicía hoxe que declaracións como as de Esperanza Aguirre son unha maneira de facer independentistas no Estado español. Igual é o que pretende.
Guillerme lembrou que non é a primeira vez que esta señora fai declaracións deste tenor e Esperanza Aguirre representa esa españolidade rancia que hoxe debería ter desaparecido.
http://youtu.be/Ppsw1oodbN0