O Goberno aproba un decreto que legaliza o roubo das preferentes

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, denunciou esta tarde que co Real Decreto de Reforma Financeira aprobado esta mañá en Consello de Ministros “o Goberno sitúase do lado da gran banca, dos estafafores, e víralle as costas ás vítimas da fraude das preferentes”.

Francisco Jorquera criticou que coa reforma aprobada esta mañá “o Goberno legaliza a estafa da que foron vítimas os subscritores de participacións preferentes”.

En concreto, o Real Decreto contempla que os subscritores de participacións preferentes só poderán percibir polos seus activos o valor de mercado máis como máximo un 10%.

Neste sentido, o candidato do BNG advertiu de que “isto pode supor perdas de até un 70% a respeito do valor inicial desas participacións”. Ademais, denunciou que o Goberno “deixa aos subscritores nunha situación de total indefensión xurídica xa que o FROB pode impor un canxe obrigatorio por outros produtos e os afectados non poderán recorrer pola vía xudicial”.

Rajoy e Feijoo con cómplices desta estafa a miles de galegos e galegas

Ante esta situación, Francisco Jorquera non dubidou en afirmar que “o Goberno do Partido Popular legaliza o engano masivo do que en Galiza foron vítimas miles de de pequenos aforradores, legaliza a expropiación dos seus cartos a través dunha estafa cometida pola banca”.

E isto fai que para o candidato do BNG á presidencia da Xunta “o goberno español sitúase do lado da grande banca de casino, ao lado os estafadores, e da as costas e deixa de lado ás vítimas”. “E isto subliñou ten cómplices políticos, que se chaman Rajoy e Feijoo”.

O Goberno español aposta polo oligopolio e abre a porta a liquidar o sistema financeiro galego

En segundo lugar, Francisco Jorquera alertou de que o Real Decreto do Goberno Central “abre claramente as portas a un oligopolio no sector financeiro e, polo tanto, á liquidación do sector financeiro galego”.

E é que, segundo explicou, “este decreto concede poderes excepcionais ao FROB, créase unha lexislación ad hoc para que o FROB poida reestruturar o sector financeiro ao seu arbitrio, mesmo que sexan entidades solventes”.

Deste xeito, Jorquera advertiu de que “só se salvarán, segundo o Decreto, as entidades sistémicas, os grandes bancos, e a través desta vía ábrese a vía á liquidación de entidades sistémicas para Galiza, imprescindíbeis para evitar o espolio do noso aforro”.

De Guindos mente: as falcatruadas da banca privada pagaranse con cartos de todos e todas

E en terceiro lugar, para o BNG o Real Decreto de Reforma Financeira “consolida un modelo consisten en sanear as perdas da banca privada con fondos públicos de toda a sociedade”.

Así, Francisco Jorquera criticou que “o goberno do PP aposta por crear un banco malo que xestione os activos depreciados da banca privada comprometendo recursos públicos, en vez de apostar por un banco bo, por unha banca pública que restitúa o crédito”.

Por iso, o candidato do BNG acusou “ao señor De Guindos de querer tomar por parvos aos cidadáns ao dicir que con esta medida se pretende evitar a repercusión sobre a sociedade dos costos do saneamento da banca, porque os activos tóxicos da banca pasan a ser xestionados por unha entidade pública, polo FROB, que terá que engordar a débeda pública con máis de 20.000 millóns de euros para sanear a banca”.

“Os contribuíntes -denunciou- si serán os que paguen a prácticas de casino da banca, e isto terá como consecuencia menos ensino público, menos sanidade pública”.

O BNG votará en contra do decreto e ponse a disposición dos afectados polas preferentes

Ante esta situación, Francisco Jorquera anunciou que “o BNG vai votar en contra da convalidación deste real decreto lei no Congreso dos Deputados e vai traballar cóbado con cóbado coa sociedade para contestar as medidas contidas neste decreto, que terán consecuencias gravemente antisociais”.

Por último, tamén anunciou que “o BNG ponse dende agora mesmo a disposición das plataformas de afectados pola fraude das participacións preferentes para traballar cóbado con cóbado para evitar que se consolide esta expropiación a través da legalización dunha estafa”.

 

http://youtu.be/ne3Y8Gl2Bv0

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG