A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou onte no Intercambio Parlamentar, un espazo de debate celebrado no marco do Foro de Sâo Paulo, que está tendo lugar entre o 15 e o 17 deste mes na Habana. Neste espazo, no que tomaron a palabra deputados e deputadas de todo o mundo para articular estratexias contra o neoliberalismo, resultou aprobada unha alianza interparlamentar pola paz, a xustiza social, a loita contra a ofensiva neoliberal e, “a proposta do Bloque, pola autodeterminación".
“Para nós, participar no Foro de Sâo Paulo é fundamental porque vemos como a autodeterminación dos pobos, a soberanía e o respecto son cuestións prioritarias”, salienta Ana Miranda, quen defendeu o dereito dos pobos a ser tratados en igualdade e tecer alianzas internacionalistas, “coas que comprobamos como América Latina rebélase contra unha restauración conservadora”, sinala.
Ademais de participar na Plenaria do Foro, a representante da Executiva Nacional do BNG mantivo diversas reunións bilaterais, entre as que destaca o encontro mantido co movemento Moreno de México, coa Fronte Guasú de Paraguay, coa presidenta da Comisión de Relacións Internacionais do PC cubano, Yolanda Ferrer e coa presidenta do Partido dos Trabalhadores (PT) de Brasil, Gleisi Hoffmann.
“Neste encontro con Hoffmann actualizamos as relacións que mantén o BNG co PT desde 2001 e transmitinlle a solidariedade do Bloque con Lula, xa manifestada en varias accións e propostas en Galiza e no Parlamento Europeo”, explica Ana Miranda a respecto da súa xuntanza coa presidenta do PT.
Nesta edición do Foro do Säo Paulo, a quinta das que participa o Bloque desde a creación do Foro en 1990, o BNG participa activamente na construción de alianzas internacionalistas contra o neoliberalismo e os ataques á democracia que se están dando en moitas zonas de América Latina, pero tamén do Estado español, cos continuos ataques á liberdade de expresión.
Apoio aos 19 de Meirás
Neste sentido, Ana Miranda salienta que está recibindo o apoio explícito de representantes de diferentes formacións políticas da esquerda Latinoamericana ás persoas denunciadas pola familia Franco por realizar unha ocupación simbólica do pazo de Meirás en agosto de 2017 para reclamar a devolución deste inmoble. “É incrible o interese que manifestan por saber que pasa ao respecto e a gran solidariedade que transmiten”, manifesta a eurodeputada do Bloque.