A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no barrio vigués do Calvario nos actos da campaña previa a celebración do Día da Patria que o Bloque organiza por todo o país, e instou a converter o 25 de Xullo nunha gran mobilización social contra a discriminación que soporta Galiza por parte do Estado.
“É o día de todos os galegos e galegas que queren un futuro digno para Galiza, que queren que este país deixe de ser a última carta da baralla cunha gran manifestación contra o agravio”, salientou Pontón, discriminación que se traduce en, por exemplo, “que teñamos as segundas pensións máis baixas do Estado ou que a nosa mocidade se vexa obrigada a elixir entre a precariedade e a emigración”.
A AP9 é un exemplo de libro desa discriminación do Estado con Galiza, da que Feijóo é cómplice necesario, ata tal punto que Pontón sospeita que o presidente da Xunta está a boicotear a xestión galega desta infraestrutura, á vista da última escusa para xustificar o veto do Ministerio de Fomento.
“Feijóo invéntase agora como problema da transferencia os 7 millóns de euros nas peaxes que aporta o Goberno do Estado. Como pode ser un problema para a transferencia da AP9 7 millóns de euros cando Rajoy gastará 4.000M no rescate das radiais?”, interpelaba Pontón, quen considera esta enésima escusa “unha falta de respecto e unha tomadura de pelo”.
Por iso, conclúe que o xefe do Executivo está dacordo co veto. “Cada día é máis sólida a nosa sospeita de que Feijóo vai de farol e está facendo o paripé porque realmente non quere a transferencia da AP9”, alegou, tras asegurar que o BNG vai seguir traballando para conseguir a xestión da autoestrada ao tempo que propuxo unha serie de medidas no curto prazo.
En primeiro lugar, levantar as barreiras cando as colas de retención nas cabinas superen o quilómetro, “porque non se pode permitir que centos de galegos e galegas queden atrapados cando volven da praia só para que Audasa faga caixa”, salientou.
En segundo lugar, redución inmediata das peaxes en todos os tramos en obras, “non poden ser que paguemos tarifas de primeira por un servizo de terceira”, e sancións á concesionaria polas deficiencias no servizo: “Audasa fai o que lle da a gana porque llo permite Xunta e o Ministerio, que considera estupenda a xestión da concesionaria, proba evidente de que De la Serna non ten que soportar as colas da AP9”, concluíu.
Cambiar un marco autoanémico
Ademais de xornada de reivindicación, este 25X o Bloque tamén quere falar das alternativas da formación nacionalista desde o convencemento de que para dar solucións aos problemas estruturais do país, “hai que cambiar o marco actual de estatuto autoanémico que non nos permite avanzar na solución dos nosos problemas. “Se temos capacidade real para decidir sobre os asuntos que nos afectan como país, teremos máis oportunidades”, argumentou.
A portavoz do Bloque ve tamén no Día da Patria unha data para dicir “alto e claro” que o nacionalismo galego vai seguir defendendo unha alternativa de igualdade, progreso e liberdade para Galiza nun 25X de todos e todas.
“A unión que máis pode favorecernos é a unión como galegos e galegas na defensa dos nosos intereses, se collemos esa bandeira para unirnos como país, como nación e como pobo podemos conquistar o lugar que nos merecemos e facer que Galiza sexa esa terra na que ninguén quede atrás”, pechou Pontón un acto no que tamén participou o responsable local, Serafín Otero.