A Executiva do BNG manifesta a súa profunda dor polo pasamento do compañeiro Paco Souto

pacosouto
Paco Souto. Foto: Marema (Diario de Bergantiños)

O BNG transmite a súa profunda dor polo pasamento do compañeiro Paco Souto e transmite as súas condolencias a familiares e amigos, en particular compañeira Enma,  por este tristísimo suceso que deixa a toda a familia nacionalista afectada e conmovida pola perda do que durante moitos anos foi concelleiro do Bloque Nacionalista Galego no municipio de Malpica

Pero Paco Souto era tamén percebeiro, un gran poeta, un activista social, e unha das voces máis xenerosas de toda a Costa da Morte sempre ao lado das causas boas e xustas, unha voz que hoxe enmudeceu por un golpe de mar, pero que quedará para sempre na memoria de todas as persoas que o coñeceron e que o trataron, desde a súa Malpica ao resto do país.

Con todos e todas nós quedan para sempre a súa escritura, os seus recitais, a súa acción política e social, o seu compromiso co este país e coa súa xente. Sempre será lembrado pola súa calidade humana, polo seu facer literario, pola súa entrega ao mundo do mar e polo seu profundo compromiso político na defensa de Galiza.

Comprometido co seu país e co proxecto político do nacionalismo galego, xa fora na súa faceta de concelleiro do BNG en Malpica, como portavoz no seu día da Plataforma Nunca Máis, e como presidente da Agrupación de Percebeiros de Malpica ou da Asociación Caldeiron de poetas.

A dirección do Bloque Nacionalista Galego manda o maior dos cariños nestes momento tan difíciles á súa compañeira Enma e aos seus fillos, así como a toda a familia nacionalista, moi particularmente aos da Costa da Morte.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG