A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pide á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que adopte medidas para evitar que o sector agro-gandeiro galego volte a atravesar por unha etapa de baixos prezos do leite en orixe.
Davila lembra que o BNG foi especialmente activo co problema dos baixos prezos do leite que se pagaban aos produtores hai un tempo. No último ano, viviuse unha situación de relativa estabilización que permitiu ao sector acadar certa melloría despois de anos de perdas económicas e peche de explotacións debido aos prezos, aos altos custes de produción e tamén polo incremento do prezo dos carburantes.
Máis, advirte a deputada do BNG, parece que na actualidade se está retrocedendo de novo. En cinco meses os gandeiros de Galiza viron como podían vender a súa produción láctea a prezos razoábeis e xustos, a ter que voltar a unha situación de que os prezos se sitúen por debaixo dos custes de produción.
A industria sempre xoga con avantaxe
Afirma Davila que a industria xoga ao seu favor e o considera produto da estacionalidade, mentras que os gandeiros acusan á industria e ás cadeas de distribución alimentar de repetir as xogadas do pasado, diminuindo os prezos en orixe para incrementar os beneficios. Sinala que o sector agro-gandeiro galego volta a estar no ranking dos prezos do leite máis baixos do estado a pesar de ser o que máis peso ten no conxunto do estado.
Considera a parlamentar nacionalista que a implantación dos contratos homologados, aprobado dentro do paquete de medidas lácteo de hai ano e medio, pódese definir como un fracaso posto que non está a conseguer os obxectivos que se marcara. A industria láctea en xeral negouse a asinar contratos de duración dun ano, tal e como se recollía nas medidas aprobadas. Neste sentido, o mesmo Ministerio recoñece que tan só o 31% dos
contratos teñen unha duración mínima dun ano.
Sen esquecer, puntualiza, que o número de contratos homologados é moi baixo.
A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas á Ministra:
Investigou e analisou o Ministerio esta situación dos prezos do leite en orixe que se reitera cada certo tempo? Como se casa o feito de que o sector gandeiro galego sexa o principal produtor do estado e perciba os prezos máis baixos? Vai adoptar medidas o Ministerio para evitar que o sector galego se vexa abocado a pechar explotacións como sucedeu hai dous anos?.
Ademáis, Davila quer saber que avaliación realiza o Ministerio dos contratos homologados e pide dados: quer que se aporten o número de contratos homologados asinados no último ano a nivel estatal, os dados por CC.AA, e pide máis controis.