A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acudiu hoxe ás escalinatas do Congreso dos Deputados a sumar o apoio do BNG á iniciativa do movemento cívico global AVAAZ que simbolicamente entregou máis de 216.000 sinaturas en contra da regresiva reforma da lei do aborto que prepara o Goberno.
Representantes do movemento cívico global Avaaz que conta con máis de 35 millóns de membros en todo o mundo, e no estado aglutina a máis de 1,5 millóns de persoas, entregaron de xeito simbólico no Congreso, dado que a lei aínda non entrou na Cámara, máis de 216.000 sinaturas en contra da reforma da Lei de Interrupción voluntaria do embarazo.
A sociedade non cuestiona a lei do aborto vixente
No acto, Davila reiterou a coñecida posición do BNG en contra do anteproxecto de Gallardón para rematar coa actual e avanzada lexislación en materia de aborto. Un anteproxecto reaccionario, regresivo, que conta cunha grande oposición social, recollida incluso en enquisas de todo tipo.
A deputada do BNG parabenizou á Plataforma por esta iniciativa que está a defender os dereitos das mulleres en saúde sexual e reproductiva, o dereitos das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e a adoptar as decisións sobre a súa maternidade de xeito libre. Tildou a proposta do Goberno de machista e reaccionaria e subliñou que non existe demanda social de ningunha caste para reformar a actual normativa sobre a interrupción voluntaria do embarazo. Está totalmente asumida pola sociedade que non a cuestiona nin demanda que se toque.
Para Davila o empeño do Goberno central en derogar unha lei que funciona se debe a outras razóns de índole ideolóxico integrista e en atención ás demandas da Conferencia Episcopal.